A Xunta baralla ampliar o aforamento da hostalaría pero seguirá pechando os bares ás 11 da noite

O executivo galego si pondera permitir que taperías e mesóns abran ata a unha da madrugada, como xa acontece cos restaurantes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2021 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, explicou que se baralla a posibilidade de equiparar o horario de taperías e mesóns ao dos restaurantes e ampliar o aforamento en locais de hostalaría se a situación epidemiolóxica avanza favorablemente.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press, lembrou que o vindeiro mércores se reunirá o comité de expertos que asesora ao Goberno galego e que unha das medidas que se atopan sobre a mesa é "achegar o horario de taperías e mesóns", cuxo peche está establecido ás 23,00 horas, ao dos restaurantes, que poden permanecer abertos ata as 1,00 horas. Non acontecería o mesmo cos bares e cafés, que poderían abrir tan só ata as 23:00.

En todo caso, sinalou que os primeiros locais deberían cumprir determinadas condicións para ampliar o seu horario de apertura, como dispor dun sistema de reservas e un comedor separado e apuntou que se podería ampliar o aforamento dos locais de hostalaría se se pode garantir a circulación de aire, para o que defendeu a instalación de medidores de CO2.

Terrazas de bares da Coruña o mesmo día en que entran en vigor novas medidas na hostalaría galega, a 8 de maio de 2021, na Coruña, Galicia, (España). M. Dylan - Europa Press
Terrazas de bares da Coruña o mesmo día en que entran en vigor novas medidas na hostalaría galega, a 8 de maio de 2021, na Coruña, Galicia, (España). M. Dylan - Europa Press

LECER NOCTURNO

Respecto dos establecementos de lecer nocturno, Rueda destacou que se descoñece a data na que o Goberno avalará a súa reapertura, pero lembrou que en Galicia levará a cabo unha proba piloto o próximo 12 de xuño para que poida reiniciarse a actividade de modo "inmediato" e "seguro" unha vez que se permita.

Así, indicou que as medidas de seguridade expostas para a proba, que inclúen aforamentos reducidos, rexistro de clientes, medidores de CO2 e probas PCR, poderían flexibilizarse ou endurecerse unha vez que se reabran estes locais en función da evolución epidemiolóxica. En canto á partida de 4 millóns de euros anunciada para compensar os meses que o sector permaneceu sen actividade, afirmou que se busca a convocatoria inmediata das axudas para que se poidan pedir desde xuño e empezar a abonarse entre ese mes e o seguinte.

O tamén conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo confiou en que o avance da vacinación contra a covid-19 permita celebrar en xullo ou agosto eventos con ata 10.000 persoas, "aforamentos implanteables hai tempo", en recintos ao aire libre que conten con "varias posibilidades de acceso e evacuación" e con medidas como o uso de máscara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta