As denuncias por violencia de xénero diminúen un 7,3% en 2020 en Galicia

A diminución é máis acusada no caso das medidas de protección comunicadas polos xulgados, que baixan un un 26,5% menos, segundo datos do Consello Xeral do Poder Xudicial

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

O ano pasado Galicia rexistrou unha diminución do número de denuncias por violencia de xénero que, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), pasaron das 5.023 de 2019 ás 4.653 de 2020, o que supón unha baixada do 7,3%.

Con todo, a diminución foi máis acusada no caso das medidas de protección comunicadas polos xulgados (cautelares e ordes de protección e afastamento), que pasaron das 1.539 ditadas en 2019 ás 1.131 do ano pasado, un 26,5% menos.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo entrega este martes ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, do Informe Anual 2020 sobre violencia de xénero en Galicia e do informe anexo referido a violencias sexuais. Segundo recolle este documento, o ano pasado houbo que lamentar o asasinato de tres mulleres na Comunidade, a mesma cifra que o ano anterior.

Por outra banda, en referencia ao informe, no ano no que irrompeu a pandemia, a Xunta outorgou axudas económicas a case 1.000 vítimas da violencia de xénero, preto do 30% máis que en 2019.

Galicia é a única Comunidade que conta cun apoio mensual de ata 800 euros para a independencia económica das vítimas, que en 2020 chegou a 639 mulleres. As axudas de pago único para mulleres con especiais dificultades para obter un emprego case se duplicaron e chegaron a 341 beneficiarias. Outras 11 mulleres recibiron as axudas que garanten a percepción das indemnizacións previstas por sentenza xudicial e outros cinco recaeron en mulleres que resultaron feridas de gravidade por mor das agresións e/ou nos fillos orfos.

Unha vez que este documento sexa cualificado pola Mesa do Parlamento, será obxecto de debate nunha sesión da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.

A conselleira de Emprego entrega o informe sobre violencia de xénero ao presidente do Parlamento. PARLAMENTO DE GALICIA
A conselleira de Emprego entrega o informe sobre violencia de xénero ao presidente do Parlamento. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta