Macrocribado nas farmacias da provincia da Coruña a partir do mércores

Todas as persoas de entre 12 e 64 anos con cartón sanitario na provincia poderán acceder ás probas de saliva, sempre que cumpran os requisitos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

Mediante un programa de colaboración subscrito coa Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, e ao que as boticas se veñen de unir voluntariamente, os cidadáns de 12 a 64 anos que o desexen poderán a partir do día 19 de maio pola tarde acceder á realización dun test de saliva a través das oficinas de farmacia.

Segundo informou o Colexio oficial de Farmacéuticos da Coruña, a iniciativa ponse en marcha tras as fases iniciais levadas a cabo nos municipios de Arteixo e Culleredo desde mediados de marzo, e o cribado en adolescentes de toda a provincia que arrincou o 19 de abril e no que participan na actualidade 476 farmacias da provincia, un 85 por cento das existentes.

"Tanto as autoridades sanitarias, como as farmacias e a distribución farmacéutica, están a pór todo a punto para arrincar con este novo cribado dirixido xa á poboación de idade intermedia, e podendo ser solicitada polos cidadáns que o requiran de maneira gratuíta", explican.

O farmacéutico pode suxerir a realización da proba, ou ben actuar a petición dos propios interesados. As condicións para participar son similares ás xa coñecidas. Así, poden acceder cidadáns con cartón sanitario do Sergas vinculado á provincia, que non tivesen resultado positivo en Covid-19 no últimos tres meses nin sexan contactos de seguimento, non fixesen PCR nos últimos 15 días e non presenten síntomas de infección por coronavirus.

Unha vez identificado o paciente obxecto da súa inclusión no cribado, a farmacia dará ao interesado, ou ben ao titor no caso dos menores de 16 anos, unha folla de consentimento que deberá cumprimentar, e faralle entrega dun kit para o seu uso persoal que deixará rexistrado, vinculado ao seu cartón sanitario, e cun teléfono de contacto para a comunicación dos resultados.

Tamén, informaralle de como recoller adecuadamente a mostra e cando levala á farmacia. O paciente debe recoller unha mostra de saliva pola mañá, antes de beber ou lavarse os dentes. E posteriormente entregala na farmacia seguindo as pautas e prazos dados, onde realizarán a recepción e custodia da mesma ata o seu envío ao laboratorio de referencia en Vigo.

Un farmacéutico realiza unha proba serolóxica de Covid-19 na Farmacia Mónica Muradas, no Carballiño
Un farmacéutico realiza unha proba serolóxica de Covid-19 na Farmacia Mónica Muradas, no Carballiño | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta