Localizan nun río de Pontevedra unha planta descuberta por Martín Sarmiento en 1755

O erudito gabara, hai 266 anos, a beleza especial desta planta, que hoxe un colectivo ambiental conseguiu atopar tras varios intentos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

A cuarta expedición botánica organizada en Pontevedra polo colectivo ambiental Vaipolorío para atopar unha planta identificada por Frei Martín Sarmiento en 1755, a 'Myosotis discolor Pers.', coñecida co nome popular de "orella de intre", permitiu localizar varios exemplares desta especie da familia borraginácea no río Tomeza. 266 anos despois, as mostras tomadas xa figuran no herbario do Centro de Investigación Forestal de Lourizán co número de rexistro LOU-075640.

Os responsables da cita son Amancio Castro e Xosé Feijoo, de Vaipolorío, e Adrián Macho, estudante do Ciclo Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, que realizou o achado durante a ruta á que asistiron unha vintena de persoas no marco do programa municipal Noites Abertas.

O itinerario tamén contara co profesor e escritor Carlos Solla que, no seu libro 'Os espellos do pasado: a lenda dourada do Gafos', recolle o paso de Martín Sarmiento polo río Tomeza, onde localizou unha "singular planta" da que destacou a "fermosura" da súa "espiga", que describiu "a imitación do remate dun báculo" e comparou con "a rosca da cola dun galgo".

Estas anotacións, xunto con dous debuxos ao natural, foron inscritos por Sarmiento no seu 'Catálogo de voces vulgares e en especial de voces galegas de diferentes vegetables', elaborado entre 1754 e 1758, onde a planta referida figurou como "anónima" ao descoñecer o erudito pontevedrés a súa denominación botánica.

PIONEIRO

Tanto Carlos Solla como os integrantes de Vaipolorío coincidiron en destacar o descubrimento pioneiro de Sarmiento, xa que non foi ata catro décadas despois cando o botánico surafricano Christian Hendrick Persoon lle deu nome á especie e, en 1797, o fitólogo sueco Johann Andreas Murray asentou o taxón no 'Systema Vegetabilium'.

Desde 2018, Vaipolorío viña organizando anualmente unha ruta "en busca da orella de intre seguindo os pasos de Sarmiento" polos lugares que o frade ilustrado percorrera no seu camiño cara á ermida de San Cibrán e ao redor da mesma época --31 de marzo, luns de Pascua-- daquel achado realizado en 1755.

Ningunha do tres primeiras expedicións tivera resultado, como tampouco o traballo de campo realizado por Amancio Castro e o conservador do herbario de Lourizán, Francisco Javier Silva-Pando, para elaborar o libro 'Flora do río Gafos', publicado en 2015. A planta máis semellante localizada por ambos os expertos fora 'Myosotis secunda Murray'.

Finalmente, a cuarta edición da ruta permitiu redescubrir a presenza de 'Myosotis discolor Pers.' nun prado cuxa localización exacta non foi precisada por Vaipolorío para preservar a integridade da contorna. Tras o seu achado por parte de Adrián Macho, realizáronse sobre o terreo varias consultas bibliográficas especializadas en flora autonómica e ibérica, ademais de observacións con lupa de aumento para identificar as características desta pequena planta.

Localizan no río Tomeza de Pontevedra unan planta descuberta no mesmo contorna por Martín Sarmiento en 1755
Localizan no río Tomeza de Pontevedra unan planta descuberta no mesmo contorna por Martín Sarmiento en 1755 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta