A Deputación da Coruña leva a candidatura de Cabo Ortegal a Xeoparque da Unesco a Fitur

Despois dun ano en que a covid impediu a celebración de Fitur, a Deputación da Coruña contará nesta cita cunha ampla axenda que ten como obxectivo desenvolver novas accións encamiñadas ao sector turístico.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2021 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña volve a Fitur este ano co obxectivo de dinamizar distintos proxectos nos que traballa para contribuír á recuperación do sector turístico. De maneira especial, o primeiro día da feira centrarase na promoción do proxecto de Xeoparque de Ortegal, candidato a esta declaración por parte da Unesco.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participará no acto, que se desenvolverá no pavillón galego, xunto co presidente do Consello de Dirección do proxecto, Alberto González, a directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, e o geólogo Francisco Canosa.

Despois dun ano en que a covid impediu a celebración de Fitur, a Deputación da Coruña contará nesta cita cunha ampla axenda que ten como obxectivo desenvolver novas accións encamiñadas á recuperación do sector, con encontros profesionais e presentacións de proxectos que responden ás novas necesidades e demandas do turismo.

O acto de presentación do Xeoparque terá lugar ás 14,00 horas, na praza central da caseta galega. Cun público limitado por mor dos controis pola pandemia, o aforamento estará composto fundamentalmente por alcaldes do territorio, que buscarán na feira apoios á proposta, representantes institucionais, prensa especializada e axentes turísticos de especial interese para difundir e consolidar a candidatura.

O territorio do proxecto de Geoparque está integrado polos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Cariño, Ortigueira, San Sadurniño e Moeche, que suman forzas coa Deputación da Coruña para consolidar a candidatura neste ano 2021 en que o territorio concorre tamén aos Plans de Sustentabilidade Turística en destino.

ENTREVISTAS E ENCONTROS CO SECTOR

Xosé Regueira aproveitará tamén o programa de Fitur para desenvolver unha apertada axenda de contactos e reunións, ademais de entrevistas en medios especializados, co fin de situar os distintos destinos do territorio da Coruña.

"Despois dun ano en que a pandemia obrigou a cancelar as feiras e produciu a máis importante crise para o turismo que se lembra, é necesario activar o sector e promocionar os concellos da Coruña para un turismo de calidade que, este ano de maneira especial, buscará destinos seguros e non masificados que nós podemos ofrecer", sinala Regueira.

Cabo Ortegal
Cabo Ortegal | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta