Temas: CIG ERE BBVA

O BBVA busca un acordo reducindo en 467 os 3.798 despedimentos propostos no seu ERE

Eses empregados pasarían a atención remota. A CIG estuda convocar un paro indefinido.

Por E.P. | Madrid | 18/05/2021 | Actualizada ás 18:45

Comparte esta noticia

O BBVA mellorou a súa proposta económica para os afectados polo Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que acometerá a entidade e aceptou reducir o número de afectados a 3.331 mediante a recolocación de 467 traballadores nos centros de atención remota.

Traballadores de BBVA concéntranse ante unha das oficinas en contra dos despedimentos
Traballadores de BBVA concéntranse ante unha das oficinas en contra dos despedimentos | Fonte: María José López - Europa Press - Arquivo.

Segundo fontes sindicais presentes na mesa negociadora do Expediente de Regulación de emprego (ERE), o banco propuxo incrementar de 350 a 467 o número de empregados que pasarían a postos do departamento remoto, o que reduciría a cifra total de despedimentos a 3.331 afectados, fronte aos 3.798 despedimentos expostos inicialmente.

O sindicato CC.OO. propuxo a semana pasada aumentar o número de empregados que poden recolocarse nos centros de atención remota para reducir o volume de despedimentos, suxeito ao cumprimento de determinadas condicións para o departamento.

BBVA aceptou modificar o 'Acuerdo Contigo' para integrar nel as condicións exclusivas dos centros de xestión remota, reducir as tardes de traballo de 130 a 125, eliminar a obrigatoriedade de traballar en festivos e festas maiores, permitir o teletraballo nas tardes de xullo e un día completo á semana no resto de meses, conceder un descanso de dez minutos cada dúas horas e a adhesión voluntaria aos centros de atención remota.

Así mesmo, o banco propuxo un compromiso de permanencia indefinido, a adscrición voluntaria dos xestores 'Contigo' actuais e a eliminación do tope do 25% de persoal no acordo.

CC.OO. fixo unha valoración positiva da proposta de BBVA, pero manifestou o seu rexeitamento á adscrición forzosa se non hai acordo, á redución a 125 tardes (propuxeran 115), ao compromiso indefinido de permanencia e á eliminación do tope do 25% do persoal.

Ademais, o sindicato cre que, en caso de acordo, a cifra de postos transvasados a xestión remota podería incrementarse para reducir os afectados polo despedimento colectivo.

CIG

O presidente do comité de empresa do BBVA na provincia de Lugo, Miguel Fernández, da CIG, anunciou que van estudar convocar un "paro indefinido" se a entidade bancaria non dá marcha atrás ao ERE co que pretende despedir 122 traballadores en Galicia e pechar 22 oficinas no territorio galego.

Para este mércores organizaron concentracións a partir das 18,00 horas ante as oficinas principais de Lugo, Ourense, A Coruña e Vigo.

Xa avanza o sindicalista que se seguirán mobilizando e estas concentracións serán a antesala da folga convocada para o mércores 26 de maio.

Temas: CIG ERE BBVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta