Indignación da Xunta ante a decisión de prohibir a caza do lobo antes do 25 de setembro

O executivo galego carga contra as formas do Goberno central en relación con esta materia, dado que ten sumidas ás comunidades autónomas "nunha continua contradición e nun continuo engano".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2021 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mostrou a súa "sorpresa" e "indignación" pola decisión de prohibir en toda España a caza do lobo antes do 25 de setembro, despois de que este mércores o Ministerio para a Transición Ecolóxica publicase o proxecto de orde ministerial que modificará o decreto que regula a Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE).

"O Ministerio obvia dun modo insólito ás comunidades lobeiras, sen consenso e sen apenas diálogo, cando aínda lle quedan moitos deberes por facer", censura. Neste sentido, a conselleira reprocha que o Ministerio saque un texto que "prestablece un calendario" sen realizar un traballo "metódico" coas comunidades. Así mesmo, carga contra as formas do Goberno central en relación con esta materia, dado que ten sumidas ás comunidades autónomas "nunha continua contradición e nun continuo engano".

CENSO DE LOBOS

Pola súa banda, a Consellería de Medio Ambiente adxudicou este mércores o contrato para a actualización do estudo poboacional do lobo ibérico en Galicia, por un importe de 63.600 euros, á empresa Area Asesores en Recursos Naturais.

O obxectivo é actualizar os traballos oficiais de censo que se fixeron entre os anos 2013 e 2015, mediante a mesma metodoloxía que se empregou entón para así poder facer comparacións.

Durante os meses de xuño a outubro deste ano levarán a cabo traballos de campo mediante a realización de itinerarios de seguimento, recollida de excrementos e estacións de escoita para a detección de lobo ibérico nunha superficie de preto de 29.000 quilómetros cadrados. Como primeira actuación, o persoal da Consellería participará nos próximos días en xornadas formativas.

"Galicia considera imprescindible contar con esta información o máis actualizada posible, como necesario aval técnico e científico a calquera decisión que puidese ser adoptada en relación coa modificación do status legal de protección da especie no seu territorio, e non xustamente ao revés, que é o que pretende o Goberno central", subliña Ángeles Vázquez.

Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria, / Europa Press - Arquivo. / Europa Press
Varios lobos ibéricos do Centro do Lobo Ibérico na localidade de Robledo de Sanabria, / Europa Press - Arquivo. / Europa Press

REDE NATURA

Ángeles Vázquez rexeita ir "por detrás" na implantación da figura da Rede Natura en Galicia con respecto a España. Pola contra, defende estar "a facer os estudos" precisos para ampliala.

Así se pronunciou a preguntas dos xornalistas despois de que o Parlamento aprobase este martes unha proposta en comisión coa que insta á Xunta a terminar os traballos para a ampliación e revisión da Rede Natura 2000. "Non exixte un atraso, existe un traballo continuado", respondeu este mércores a conselleira ás cuestións dos medios de comunicación.

Por outra banda, esperou poder "ter a sétima reserva da biosfera este mesmo ano", en concreto este verán, a relativa á Ribeira Sacra. En canto á Rede Natura, dixo que "por suposto se están facendo os estudos" para a súa ampliación, "o cal non quere dicir que se vaia por detrás". Europa traslada a España "que hai deficiencias en toda España, non só en Galicia", apostilou.

A maiores, reivindicou avances como o da lei de residuos, aprobada en febreiro, cando o Goberno central aprobou o seu proxecto neste ámbito este martes en Consello de Ministros, "e ademais cunhas carencias moi importantes". "A lei que aprobou Galicia é moito máis alentadora que a do Goberno central e pediriámoslle que copie o que está ben feito", incidiu Ángeles Vázquez. En concreto, a conselleira opinou que "non se pode gravar impositivamente aos galegos cunha desculpa que sempre é a Unión Europea".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta