O avogado do maquinista do accidente en Angrois: "A causa fundamental está en Adif"

Manuel Prieto considera que o seu defendido non ten a mesma responsabilidad que o alto cargo da empresa.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 20/05/2021 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O avogado Manuel Prieto, que defende ao maquinista que circulaba no tren Alvia accidentado hai case oito anos no barrio compostelán de Angrois, saca unha conclusión "fácil" do escrito de acusación do fiscal: "A responsabilidade non é a mesma" entre o seu representado e o alto cargo de Adif --os dous imputados-- e "a causa fundamental é un erro organizacional" da empresa pública.

Sen collerlle por sorpresa o escrito e as conclusións provisionais do fiscal, que pide catro anos de cárcere para o maquinista e outros catro para o exdirector de seguridade de Adif, o letrado que representa o condutor advirte de que "do escrito se pode colixir que a responsabilidade non é a mesma".

"Se cambiamos o que fixo Francisco Garzón (o seu defendido), o accidente séguese producindo; pero se modificamos o que non se fixo por parte de Andrés Cortabitarte (o cargo de Adif), o accidente nunca se produciría, aínda que o maquinista fixese o mesmo", expón.

Neste sentido, agrega que "iso" (o descoido ao atender unha chamada telefónica que levou a que o condutor tardase en frear o convoi á chegada da curva da Grandeira) "parecía que podía ocorrer cando o dixo Mazaira", o xefe de maquinistas que avisou do perigo dese tramo antes de que se producise a traxedia que provocou 80 mortes e 145 feridos.

"A responsabilidade non é a mesma. Durante anos facendo un proxecto sentado nunha mesa que ir conducindo a 200 quilómetros por hora e tes que reaccionar en segundos", remacha Manuel Prieto.

Manuel Prieto, avogado do maquinista do Alvia que descarrilou en Angrois
Manuel Prieto, avogado do maquinista do Alvia que descarrilou en Angrois | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta