Xa se poden recoller as claves electrónicas da Xunta en puntos COVID para ter acceso ao certificado de vacinación

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse a esta cuestión para destacar que Galicia "ten os deberes feitos" e desta maneira os cidadáns vacinados poderán ter "un certificado de vacinación no seu móbil".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2021 | Actualizada ás 15:24

Comparte esta noticia

Os puntos de vacinación establecidos para a administración das doses contra o SARS-CoV-2 son, desde este xoves, oficinas de rexistro para a obtención das claves da Administración autonómica e xeral, a Chave365, a aquelas persoas que estean convocadas ao proceso de vacinación.

Este acceso é o que permite acceder, entre outras cuestións, ao expediente electrónico do Sergas e, como consecuencia, facilita tamén contar co certificado de vacinación que xa expide a Xunta ás persoas que recibiron a pauta completa.

O Diario Oficial de Galicia publicou este xoves a resolución conxunta da Consellería de Sanidade e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pola que se habilita esta posibilidade, que entrou en vigor coa mesma publicación no DOG.

A Xunta lembra que por mor da pandemia, declarada pola OMS o 11 de marzo de 2020, a Xunta promoveu o sistema Passcovid.gal, como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola covid-19. Para o acceso de maneira identificada ao sistema Passcovid.gal utilízase o sistema de claves concertadas da Xunta de Galicia (Chave365).

Precisamente, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse a esta cuestión na reunión posterior ao Consello para destacar que Galicia "ten os deberes feitos" e desta maneira os cidadáns vacinados poderán ter "un certificado de vacinación no seu móbil", mentres que non haxa o europeo.

"Estamos a apostar pola emisión destes certificados, irán alienados cos da UE. Seguimos pensando que son o pasaporte que facilita a mobilidade, unha garantía de saúde e que contribúe á saúde pública", remarcou Feijóo na súa intervención.

MOTIVACIÓN DA MEDIDA

Na exposición de motivos do DOG, a Xunta lembra que "a situación de crise sanitaria persiste e conseguir a inmunización da poboación a través da vacinación xeral considérase a medida máis poderosa e eficaz para o control da pandemia".

O 27 de decembro de 2020 comezou o Programa de vacinación de Galicia fronte á covida-19. Os criterios de vacinación quedan recollidos nas sucesivas versións do Plan galego de vacinación fronte ao SARS-CoV-2, da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

Ademais, lembra que a Comisión Europea propuxo a creación dun certificado dixital verde co fin de facilitar a libre circulación segura da cidadanía na UE durante a pandemia. Neste certificado constaría información relativa á situación de vacinación da persoa portadora, á realización de probas PCR con resultado negativo, ou a recuperarse do coronavirus.

En liña con esta proposta da Comisión Europea, a Xunta de Galicia vai comezar a emitir certificados de vacinación, que no momento da aprobación do certificado dixital verde pasarán a estar aliñados cos criterios nel establecidos para garantir a súa validez en todos os Estados membros da Unión Europea.

O certificado de vacinación e o certificado dixital verde estarán dispoñibles en soporte dixital para as persoas vacinadas polo Sergas a través dos sistemas É-Saúde e Passcovid.gal, ademais da súa posible emisión en soporte papel.

PROCEDEMENTO E TRAMITACIÓN

O procedemento establece que, se no momento de comparecer para a vacinación a persoa interesada manifesta a súa conformidade co alta en Chave 365, aplicarase o establecido na orde do 6 de febreiro de 2014. Nesta orde aprobouse o protocolo de identificación e firma electrónicas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Ademais, o procedemento séguese en virtude da resolución conxunta de 3 de setembro de 2015, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xusticia e da Amtega pola que se acordou a posta en funcionamento Chave365.

O procedemento implica que a persoa deberá acreditar a súa identidade no punto de vacinación, mostrando o DNI ou o cartón de identidade de estranxeiro (TIE). Os cidadáns que non teñan cartón de residencia, presentarán o certificado de rexistro de cidadáns da Unión e o seu pasaporte.

Se se produce unha identificación positiva por parte do persoal empregado público encargado da vacinación, desencadearase un proceso automatizado que xerará e comunicará unha clave de acceso que será enviada ao teléfono móbil da persoa interesada.

Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press.  / Europa Press
Vacinación cotra a covid-19 no Hospital Marítimo de Oza / M. Dylan - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta