O abuso de antibióticos en pacientes con covid-19 empúrranos a outra crise sanitaria

Estes medicamentos utilizáronse de xeito inadecuado en máis dun terzo dos enfermos hospitalizados con coronavirus. Os expertos alertan de que este mal uso contribuirá a incrementar a resistencia aos antibióticos, unha das maiores ameazas globais para a saúde humana.

Por Alberto Quian | Madrid | 21/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A resistencia aos antibióticos é unha das maiores ameazas para a saúde mundial, a seguridade alimentaria e o desenvolvemento. Científicos de todo o mundo, en colaboración con organismos supranacionais como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Unión Europea (UE), están tentando atallar o problema global do abuso e mal uso dos antibióticos entre a poboación e no ámbito veterinario. Un problema que, moi probablemente, se agravará pola administración masiva destes medicamentos en enfermos con covid-19.

Antibióticos
Antibióticos | Fonte: Pixabay.

Un novo estudo realizado en España alerta de que “o uso inadecuado de antibióticos foi moi frecuente en pacientes con covid-19 e implicou un maior risco de reaccións adversas”. Porque, como explican os científicos, na maioría dos casos covid non se xustifica a prescrición destes medicamentos, destinados a combater infeccións bacterianas, non víricas: “A maioría dos pacientes con covid-19 reciben antibióticos malia que as coinfeccións bacterianas son raras. Isto pode provocar un aumento das complicacións, incluída a resistencia antibacteriana”, advirten os autores desta nova investigación, realizada con datos de 13.932 pacientes de todo o Estado infectados co coronavirus SARS-CoV2.

De 13.932 casos analizados de pacientes ingresados con covid-19, o 34,2 % recibiu antibióticos de forma inadecuada

A investigación, promovida pola Sociedad Española de Medicina Interna (SEMI), e asinada por 25 científicos –entre eles, Paula María Pesqueira Fontán, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela–, analiza os factores de risco da prescrición inadecuada de antibióticos nestes pacientes e describe as posibles complicacións derivadas do seu uso incorrecto. Os datos son reveladores: dos 13.932 pacientes, 3.047 (21,6 %) non recibiron antibióticos, a 6.116 (43,9 %) se lles subministrou adecuadamente, e 4.769 (34,2 %) recibiron antibióticos de forma inadecuada.

A SEMI desenvolveu un rexistro en liña, o Rexistro SEMI-Covid-19, que inclúe un número extenso de parámetros epidemiolóxicos, clínicos, de tratamento, de laboratorio e radiográficos, que se obteñen das historias clínicas electrónicas dos pacientes hospitalizados con infección por SARS- CoV-2 confirmada por laboratorio.

Para este estudo concreto, os pacientes que recibiron antibióticos dividíronse en dous grupos segundo a prescrición adecuada ou inadecuada, dependendo de se o paciente cumpre algún criterio para o seu uso ou non.

Do total de 13.932 pacientes con covid-19, os antibióticos sistémicos, que se administran por vía oral ou intravenosa e afectan a todo o corpo, empregáronse en 10.885 enfermos (78,1 %). Porén, de todos os pacientes, só o 52,4 % cumpría polo menos un criterio para o uso de antibióticos, segundo os rexistros clínicos analizados. 

En total, os médicos tan só descartaron o uso de antibióticos sistémicos en 3.047 pacientes (21,6 %). No resto, a súa prescrición foi adecuada en 6.116 enfermos (43,9 %) e inadecuada en 4.769 (34,2 %). En consecuencia, entre todos os casos nos que se administraron este tipo de medicamentos, no 43,8 % fíxose sen xustificación, segundo os datos deste estudo.

O 20 % dos ingresados en UCI infectados con coronavirus recibiu antibióticois sen xustificación clínica

Nos pacientes críticos ingresados en unidades de coidados intensivos (UCI) –un total de 1.078 dos 13.932 casos analizados–, non se prescribiron antibióticos en 29 enfermos (2,7 %), mentres que si se administraron adecuadamente en 833 (77,3%) e de xeito inadecuado en 216 (20 %).

Algo relevante que atoparon os investigadores foi un cambio no uso dos antibióticos a medida que a pandemia avanzaba á par que a investigación científica. Se na primeira fase da crise sanitaria –entre febreiro e marzo de 2020– os antibióticos foron usados no 79,5 % dos casos, a porcentaxe caeu até o 71,3 % en ingresos posteriores, despois de marzo. Un dato que supón unha “diferenza estatisticamente significativa”, segundo os autores do estudo.

Destacan tamén que “a indicación de antibióticos foi menos común nos ingresados ​​no primeiro grupo en comparación co segundo grupo (51,8 % fronte ao 55,1 %)", o que lles leva a subliñar que “o uso inadecuado de antibióticos foi menos común no segundo grupo (28 % vs 35,5 %).

Os resultados tamén apuntan que a aparición de complicacións potencialmente derivadas da prescrición farmacolóxica foi máis frecuente en pacientes con antibióticos (19,6 % fronte ao 10,5 %). E a presenza de complicacións foi similar en pacientes con prescrición adecuada e inadecuada destes medicamentos.

As principais complicacións derivadas do uso de antibióticos identificadas no estudo foron hipertransaminasemia, diarrea, lesión renal aguda, reaccións alérxicas, candidemia e candidiase, neutropenia, trombocitopenia, ou prolongación do intervalo QT, a cal pode causar arritmias potencialmente fatais.

Aínda que os autores recoñecen que “non foi posible saber se a lesión renal aguda estaba presente no momento do ingreso e, polo tanto, antes da prescrición de antibióticos”, ao excluír esta doenza doutras complicacións, os pacientes con prescrición de antibióticos mostraron “máis probabilidades de ter complicacións relacionadas co medicamento que os pacientes sen eles (4,9 % fronte a 2,7 %). 

A prescrición inadecuada de antibióticos foi “moi alta” en pacientes con covid-19, “expoñéndoos a toxicidade farmacolóxica e un maior risco de morbilidade, malia que non se demostraron beneficios, nin sequera en pacientes críticos”, advirten os investigadores.

Os expertos non cren xustificado este amplo uso de antibióticos, que “contrasta coa baixa incidencia de coinfección ou superinfección bacteriana” en pacientes con covid-19. E alertan de que “o uso de antibióticos nestes pacientes non está exento de risco”. “Nas nosas series, atopamos máis reaccións adversas a medicamentos en pacientes que reciben antibióticos”, subliñan.

RESISTENCIA AOS ANTIBIÓTICOS

Un dos efectos secundarios máis temidos do uso inadecuado de antibióticos é o aumento da resistencia microbiana pola propagación de bacterias multirresistentes, estreitamente relacionada co abuso destes medicamentos.

Neste estudo, aínda que por limitacións na base de datos non se puido analizar a resistencia a antibióticos, os seus autores están convencidos de que “o uso excesivo de antibióticos e a presición inadecuada en pacientes con covid-19 pode inducir un aumento da resistencia a antibióticos”, como xa vén alertando a comunidade científica internacional.

A OMS advertiu de que o incremento do uso dos tratamentos antibióticos no contexto da pandemia de covid-19 impulsará o desenvolvemento de bacterias resistentes a futuros tratamentos e, con iso, o número de mortes provocadas por este problema.

Cada ano morren no mundo unhas 700.000 persoas pola resistencia aos antibióticos; en 2050 poderían ser 10 millóns

Os informes de todos os países que reportan datos sobre resistencia a través da plataforma GLASS (Global Antimicrobial Resistance and Use Surveillance System) revelan o aumento das infeccións provocadas por bacterias resistentes aos antibióticos.

As autoridades sanitarias advirten de que cada ano morren no mundo unhas 700.000 persoas pola resistencia aos antibióticos. De continuar coa tendencia actual, en 2050 o número de mortos anuais relacionados con superbacterias multirresistentes podería ascender a 10 millóns, converténdose na principal causa de mortalidade no mundo, superando o cancro.

A OMS sinala a probabilidade de que este incremento se amplíe como consecuencia do uso excesivo dos antibióticos nos pacientes con covid-19 e confirma na súa guía para o manexo clínico desta enfermidade vírica que só unha pequena porcentaxe destes pacientes necesita antibióticos para tratar infeccións bacterianas secundarias.

Tamén o Ministerio de Sanidade español, a través do Plan Nacional fronte á Resistencia aos Antibióticos (PRAN), publicou unha serie de recomendacións dirixidas a profesionais sanitarios para mellorar a prescrición e o uso destes medicamentos durante a pandemia, que “constitúe un reto sen precedentes en todos os aspectos da atención sanitaria, tamén no uso efectivo dos antibióticos e o manexo de infeccións bacterianas”, alerta.

“A prescrición excesiva ou inadecuada de tratamentos antibióticos no contexto da pandemia podería facilitar o desenvolvemento de bacterias resistentes e reducir a eficacia de futuros tratamentos, polo que debe extremarse a prudencia na utilización deste tipo de medicamentos”, advirte Sanidade, que lembra que “aínda que a covid-19 é unha infección  vírica e, por tanto, non se trata nin se prevén con antibióticos, hai pacientes diagnosticados nos que existe confirmación ou elevada sospeita de  coinfección ou  sobreinfección bacteriana”, polo que “é inevitable considerar a prescrición de tratamento antibiótico” meses casos.

SITUACIÓN EN GALICIA

A prescrición incorrecta e o abuso de antibióticos é un problema do que non escapa Galicia, onde “a administración de antibióticos sen receita médica segue sendo unha práctica común nas farmacias”, como xa alertaron investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Consorcio de Investigación Biomédica en Red de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP) nun estudo publicado en 2017 mediante unha enquisa a farmacéuticos sobre a práctica de dispensar antibióticos sen receita médica.

As principais causas identificadas naquel estudo foron a aquiescencia (en esencia, ceder ante a presión dun paciente que quere un antibiótico), a indiferenza e a falta de educación continua. Mentres que o problema da resistencia a estes medicamentos se atribuíu á responsabilidade externa de médicos, dentistas e dos propios pacientes, e ao sistema de saúde e, concretamente, ao acceso máis doado aos farmacéuticos que aos médicos e a un maior número de prescricións receitadas no seguro privado fronte ao sistema público, até dez veces máis.

"A resistencia aos antibióticos é un fenómeno descoñecido pola poboación galega"

Outro estudo publicado este ano, asinado por algúns daqueles investigadores en colaboración con outros colegas da USC afonda nos factores que poden influír no uso incorrecto dos antibióticos entre a poboación galega e avalía o coñecemento dos cidadáns sobre este problema. E avisan: “A xente descoñece o importante papel que desempeña no avance da resistencia antimicrobiana”.

Os principais factores identificados como posibles determinantes do uso indebido de antibióticos foron a falta de coñecemento sobre estes medicamentos, problemas na relación médico-paciente, problemas de adhesión á medicación e uso sen receita médica. Pero tamén se identificaron outros factores, aínda que non foron citados expresamente polos enquisados, como a falta de percepción do problema e a atribución externa de responsabilidade.

“A resistencia aos antibióticos é un fenómeno descoñecido pola poboación e percíbese como un problema individual, confundíndose o termo «resistencia» con «tolerancia»”, explican os investigadores en base ás entrevistas realizadas.

Así, conclúen que “a xente descoñece o importante papel que desempeña no avance da resistencia antimicrobiana”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta