Bugallo ve con "optimismo" a "estabilización" de casos, pero critica que se sigan celebrando festas en pisos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2021 | Actualizada ás 13:46

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que observa con "optimismo" a "estabilización" dos novos casos de covid-19 detectados na cidade, pero fixo un chamamento á prudencia ante as festas celebradas en pisos.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres na capital galega, o rexedor explicou que os datos rexistrados na cidade "inducen a un moderado optimismo en relación á evolución da pandemia".

De feito, puxo o foco en que, mentres hai uns días "estaba a subir o número de casos diagnosticados", volveuse a iniciar "o camiño de estabilización" mediante unha baixada da incidencia acumulada de novos casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes no últimos sete días, que se sitúa en 31.

No entanto, o alcalde remarcou que resulta "extremadamente importante manter medidas de seguridade" e advertiu de que o crecemento de casos "parece gardar relación" coa celebración de festas en pisos.

Por iso, Bugallo incidiu na necesidade de que a poboación máis nova, que non foi vacinada, "sexa consciente dos efectos secundarios da enfermidade". "A mortalidade está drasticamente reducida, pero hai outros efectos secundarios que poden condicionar a vida de persoas máis novas", advertiu.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta