Saíndo da crise

Mariano Rajoy pasará á historia por moitas cousas. Entre outras, porque foi o primeiro presidente do goberno co costume de falarlle ao pobo que goberna, a distancia. Ou ben dende outro país, ou ben dende unha nebulosa descoñecida que se materializou, nun dos días máis vergoñentos da historia do xornalismo, nunha declaración a través dunha tele de plasma.

Por Francisco Castro | Vigo | 05/11/2013

Comparte esta noticia
Estes días atrás andivo por Panamá, é dicir, fóra de España. Daquela, coma un neno mixiricas ou avergoñado (porque sempre fai igual e non dá a cara aquí), sentiu a necesidade de facer unha declaración desas "importantes". É unha especie de ataque que lle dá así como sae das fronteiras españolas. Non pode conterse e fala. Mais, polo xeral, fala parvadas. Frases sen moito calado. Obviedades que lle funcionan ben entre a súa xente pero que escandalizan pola súa condición de baleiras ou, peor, fantasiosas. Por non dicir malintencionadas ou flipantes ao sair pola boca dun presidente de goberno.
 
E o que dixo desta volta é que non hai dúbidas de que estamos saindo da crise. Concretamente a súa frase era que está claro que cada vez queda menos para sair da crise. 
 
Pois claro que si. Leva toda a razón do mundo. Porque é unha obviedade que, cada día transcurrido será un día menos para o remate do que sexa. Tamén da crise. É como se eu digo que cada día que pasa queda menos para que morra ou que cada día que pasa son máis vello. Ou que cada día que pasa ao sol lle queda menos para apagarse. 
 
Comecei estas liñas dicindo que Mariano Rajoy pasará á historia por moitas cousas. Entre outras, por ser o presidente máis baleiro por dentro de todos cantos temos coñecido. Autor de frases sen sustancia. 
 
E aínda por riba, nin sequera é gracioso. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro