Temas: FRASEOLOXíA

Estar “de lamber o(s) bico(s)”, “de lamber os dedos” ou de “chupar os dedos”, equivalentes, entre outras, á castelá “de chuparse los dedos”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 30/05/2021 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar a entender que unha comida, ou un produto alimentario, é moi sabedor, en castelán acostuma dicirse que está de/para chuparse los dedos.

Cunca de caldo galego
Cunca de caldo galego | Fonte: carlosviajero.blogspot.com

En galego, e partindo xa da base de que a utilización da forma reflexiva indirecta é incorrecta en galego (véxase unha información máis detallada ó respecto no artigo “¡Vaites + substantivo!” ou “¡Vaia + substantivo!”, en troques de “¡Menudo/a + substantivo!”), dispomos de varias secuencias expresivas que dan conta dese mesmo significado, como imos ver a seguir:

Estar de/para chuparse los dedos

{= Saber moi ben unha comida ou un produto alimentario.}

Caldo de ósos
Caldo de ósos | Fonte: colineta.com

Estar de/para lamber o(s) bico(s)

Estar de/para lamber os dedos

Estar de/para chupar os dedos

Estar de/para zugar os dedos

[E MAIS]:

Estar de/para lapar os dedos

Estar de/para lamber os peteiros

Estar de/para lamber o(s) fociño(s)

Estar de/para lamber os beizos

Estar de/para lamber a cuncha

Estar de/para lamber os barbos

Ex.: Hace un arroz con calamares que está de/para chuparse los dedos.

Fai un arroz con luras que está de/para lamber o(s) bico(s) de/para lamber os dedos de/para chupar os dedos de/para zugar os dedos de/para lapar os dedos de/para lamber os peteiros de/para lamber os fociños de/para lamber a cuncha de/para lamber os barbos.

● Tamén:

Estar de rechupete # de chupete

Estar de repicapaxaro && [E MAIS]: (Estar que) Chegarse ó corpo && (Estar que) Pegarse ó corpo

Ex.: Fai un arroz con luras (que está) de repicapaxaro que se chega ó corpo que se pega ó corpo.

● Tamén:

Estar de vicio && Estar de muerte # de morirse

Estar de vicio && Estar de morte # de morrer

● Tamén, asociada a un rexistro máis familiar ou coloquial:

(Estar que ) Comerse na cabeza dun tiñoso

Ex.: Fai un arroz con luras que está de vicio que está de morte que (está que) se come na cabeza dun tiñoso.

● E inda tamén, nesta mesma liña:

Saber que alimenta

Saber que gorenta # que dá gusto # que dá o ceo # que relouca # que alimenta # que rabia # que coroa # que esgurricha && Saber a amores # a resolio && Saber coma as noces && [SE CADRA ASOCIADAS EN MAIOR MEDIDA A CONTEXTOS DE USO MÁIS FAMILIARES E POPULARES]: Saber que leva a rabia # que mete medo # que nin o demo # que é moito saber (do Noso Señor # de María Santísima # dos santos)

NOTAS:

1. Os barbos, na secuencia expresiva estar de/para lamber os barbos, designan os “pelos longos e ríxidos que teñen os animais ós dous lados no labio superior” (blog dacerna).

E, tal e como se pode comprobar no dito blog, no seu sentido máis recto a expresión lamber os barbos vén a significar “Pasar a lingua polos labios (ou os barbos no caso dos animais) cando se agoa por unha comida”  (ou sexa, relamberse antes de comer, relamberse polo desexo de comer).

2. Mantemos desta volta, na secuencia saber que esgurricha, o verbo esgurrichar, que se viría a corresponder co normativo escorrichar.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”1, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- Ferro Ruibal, Xesús & Veiga Novoa, Cristina: “Paremias selectas. Un manuscrito bonaerense (1956) de Vicente Llópiz Méndez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 265-315. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García Represas, Delio: Estudio na fala de Xinzo, Ponteareas. Contribución á lingüística descriptiva do galego. Tese de licenciatura, 1996. Universidade de Santiago de Compostela.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Irmandades da Fala: Vocabulario Castellano-Gallego de las Irmandades da Fala. Imprenta Moret-Galera, 48, A Coruña 1933.

- López Barreiro, Margarita: “Frases feitas do Cachafeiro (Forcarei)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 8, 2006, páxs. 317-327. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Un manuscrito paremiolóxico de Murguía”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 117-128. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Un voluntario (i) trae comida a unha persoa (d) como parte da repartición diaria de alimentos do Comedor Social San José, en Puente de Vallecas, Madrid
Un voluntario (i) trae comida a unha persoa (d) como parte da repartición diaria de alimentos do Comedor Social San José, en Puente de Vallecas, Madrid | Fonte: Marta Fernández Jara - Europa Press
Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta