"Eu son de Allariz", un xeito de achegar a historia local aos máis pequenos

Trátase dunha iniciativa do Concello de Allariz, en colaboración co CEIP Padre Feijóo, que busca fomentar o coñecemento dos recursos históricos e patrimoniais de Allariz dunha forma atractiva e moi entretida.

Por X.M. Fernández | Allariz | 26/05/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O alumnado do centro educativo CEIP Padre Feijóo, dende o pasado 24 de maio e durante o mes de xuño, realizaran visitas para coñecer a historia de Allariz e as súas curiosidades achegándose tamén ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz.  

Visita 6º Primaria aos Xardíns de Allariz. Foto: Prensa de Allariz
Visita 6º Primaria aos Xardíns de Allariz. Foto: Prensa de Allariz

Ao redor de 450 nenos e nenas de educación infantil e primaria de Allariz participaran nesta actividade, que se puxo en marcha dende as áreas municipais de Educación, Infancia e Turismo do Concello de Allariz xunto con CEIP Padre Feijóo. A iniciativa busca que as rapazas e rapaces adquiran o gusto por coñecer a súa propia historia e as personaxes que influíron nela, sempre  dun xeito ameno e divertido.

A través do folleto infantil que editou o concello a finais do 2020, e na compaña de dous guías, os cativos e cativas descubrirán curiosidades da vila e visitarán os Xardíns da Poesía. Por mor da situacion sanitaria actual as saídas serán por aulas en grupo burbulla e desenvolveranse ao aire libre todo o tempo.

A alcaldesa de Allariz Cristina Cid destaca "a importancia de coñecer a historia e o territorio que nos rodea para poder gozar del e valoralo, formando a nenos/as no gusto e no respecto pola súa cultura e patrimonio".

O proxecto pretende ter continuidade no tempo para que cada ano os alumnos e as alumnas poidan coñecer outros lugares da contorna; ademais, e para premiar a participación, agasallarase a cada participante cun diploma como experto/a explorador/a e cunha camiseta de Eu son de Allariz, na que todos os núcleos de poboación de Allariz están representados.

'Eu son de Allariz'. Foto: Prensa Concello de Allariz
'Eu son de Allariz'. Foto: Prensa Concello de Allariz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta