Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2021 | Actualizada ás 18:16
O conselleiro do Medio Rural, José González, reivindicou este martes a importancia do Inventario Forestal Continuo para avanzar "cara a un monte innovador, sustentable, ordenado e xestionado activamente" ao amparo do Plan Forestal de Galicia 2021-2040.
Agradecendo o labor das universidades de Santiago e Vigo --que traballan coa Xunta desenvolvendo esta iniciativa--, remarcou que o Inventario permitirá contar cun sistema de monitorización propio das masas forestais que constitúen o monte galego e da súa evolución.
Á vez que fixo fincapé no consenso e na colaboración como catalizadores do Inventario Forestal Continuo, o conselleiro lembrou que un 69% da superficie do territorio galego é forestal, un sector crave para o rural galego.
Deste xeito, segundo apuntou, coñecer a realidade desa superficie permitirá avanzar nunha mellora da súa xestión, facendo diagnoses adecuadas para a toma de decisións tanto públicas como empresariais.
Na súa intervención, o conselleiro lembrou que o Inventario cumpre coa necesidade dunha actualización progresiva das medicións establecida polo Consello Forestal, así como coas recomendacións do ditame co que se pechou a comisión para a prevención de incendios que traballou na Cámara autonómica.
José González foi o encargado de inaugurar a xornada, acompañado, entre outros, do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e do da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.