Galicia súmase ás cidades europeas que celebran a "Noite das Persoas Investigadoras"

O evento terá lugar en diversos contextos informais na noite do 24 de setembro pero a próxima semana comezarán xa unha vintena de pre-eventos nas cidades galegas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/05/2021 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

A Noite Europea das Persoas Investigadoras é un evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro e que nesta edición se desenvolverá o vindeiro 24 dese mes. Santiago, Lugo, Vigo, Ourense, Pontevedra, A Coruña e Ferrol sumaranse tamén a esta iniciativa a través da G-Night, un evento que busca achegar a figura da persoa investigadora no contexto galego, así como a investigación e os seus beneficios, á sociedade en xeral, prestando especial atención ás vocacións científicas.

Francisco Rivadulla e María Giménez-López, investigadores do CiQUS
Francisco Rivadulla e María Giménez-López, investigadores do CiQUS | Fonte: USC

Baixo o lema "Conciencias creativas", a USC xunto con UVigo e UDC desenvolverán actividades fóra dos laboratorios e en contextos informais como rúas, prazas, museos, praias ou bares nun ambiente festivo. Relatorios, conferencias, obradoiros, rutas científicas, teatro, música, experiencias ou experimentos integran a oferta da G-Night, alén de dirixirse a "todo tipo de públicos con independencia da súa formación e coñecementos".

A figura da persoa investigadora, o día a día nun laboratorio, como a ciencia chega á industria ou como impacta nas nosas vidas serán algúns dos temas a tratar. Outros terán que ver coa innovación cara un mundo máis verde, as ameazas e a loita contra o cambio climático, a economía circular ou o papel da cidadanía ante estes retos de futuro.

Aínda que será na noite do 24 de setembro cando se celebren a maioría de actividades programadas co gallo da G-Night, ese mesmo día pola mañá, e por mor da pandemia, están previstas de xeito excepcional diversas accións en centros de ensino "co obxectivo de evitar aglomeracións de público escolar no horario de tarde-noite". Precisamente o alumnado dos centros escolares galegos de primaria e secundaria, será o primeiro, a partir da próxima semana, en gozar coa celebración dunha vintena de pre-eventos, actividades divulgativas, que teñen o obxectivo de difundir a celebración do 24 de setembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta