A Xunta dilapidou case 600.000€ en asistencias técnicas non realizadas para estudar especies ameazadas desde o 2005

Só 3 das 200 especies ameazadas contan cun plano de conservación ou recuperación aprobado e en funcionamento. Adega denuncia o "desleixo" do Goberno galego na protección de especies vulnerables e critica que benefice a empresas privadas como Greenalia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/05/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Xunta leva desde o 2005 tirando cartos en asistencias técnicas sobre especies ameazadas que nunca chegou a realizar. Así, o custe destas asistencias e contratos de servizo pagados pola Xunta para a redacción dos planos de xestión das especies ameazadas e nunca levados ao DOG, supuxeron dende entón un mínimo de 566.000 €.  Foron cartos públicos tirados ao lixo, xa que o seu obxectivo último --a redacción dos planos de conservación e recuperación-- non se chegou a realizar. 

Nova especie, o Narcissus asturiensis, atopada no Monte Pindo
Nova especie, o Narcissus asturiensis, atopada no Monte Pindo

Nestes 16 anos, a Xunta licitou 45 asistencias técnicas e contratos de servizo para outras tantas especies ou grupos de especies ameazadas, atinxindo a aproximadamente o 50% das presentes nos anexos do Decreto 82/2007. 29 destas licitacións, cuxos documentos técnicos xa foron entregados hai máis de 11 anos, corresponden á etapa do goberno bipartito e 16 ao periodo Feijóo. En 4 anos (2005-2009) contratáronse case o duplo de asistencias técnicas que nos últimos 12 (2009-2021).

 

Outra clara proba deste desleixo intencionado do goberno Feijóo é o feito de que este mesmo 2021, a Xunta licitou un estudo para coñecer o estado das poboacións de dúas rapinas ameazadas, a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus). Curiosamente, o mesmo estudo xa fora licitado en 2008 e obraba en poder de Medio Ambiente dende 2009. "Por que non se aprobaron en 12 anos os planos de conservación destas dúas especies de aves, moi ameazadas concretamente pola proliferación de parques eólicos?", pregúntanse desde Adega.

 

"DESLEIXO"

Pita do monte, especie en perigo de extinción
Pita do monte, especie en perigo de extinción | Fonte: Fonte: Ecoloxistas en Acción

 

Precisamente, esta entidade ecoloxista e outros colectivos levan tempo reclamando da Xunta, sen éxito, a aprobación das ferramentas de xestión das especies ameazadas, obrigatorias por lei. "Agora vimos de coñecer a magnitude deste desleixo, ao ter finalmente acceso á listaxe de estudos técnicos licitados pola Xunta, imprescindíbeis para a redacción e aprobación dos decretos que permitirían salvar a nosa biodiversidade máis ameazada", denuncia a entidade.

 

Chama a atención que as 29 licitacións para a redacción dos informes das especies ameazadas durante o periodo 2005 a 2008 figuran publicados no DOG,  mentres que dende 2009 ate a actualidade -nos dos gobernos de Feijóo-- , non hai detalles no DOG de ningunha das 16 licitacións feitas e só 3 figuran na plataforma de contratos públicos de Galicia.

"Outro feito realmente escandaloso do proceder do goberno Feijóo coa xestión das especies ameazadas é que mentres mantiña desprotexida a nosa biodiversidade máis fráxil deixando esmorecer durante lustros os planos de xestión sen aprobar, determinadas empresas dispoñían deles para a redacción dos seus proxectos", apuntan desde Adega.

O CASO DE GREENALIA

É o caso de Greenalia, a empresa que fichou á ex-conselleira de Medio Ambiente Beatriz Mato para formar parte do Consello de Administración.  Na memoria do parque eólico "O Cerqueiral", Greenalia menciona como referenzas senllos planos de xestión de dúas especies ameazadas: tratase do Plano integral de recuperación da Centaurea ultreiae, planta endémica en perigo de extinción; e do Plano integral de conservación da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e da gatafornela (Circus cyaneus), dúas aves vulnerábeis.

Acontece que estes dous documentos de xestión, o da Centaurea (licitado en 2007 e entregado en 2011) e o das rapinas esteparias (licitado en 2008 e entregado en 2009) nunca foron aprobados nin publicados no DOG. "Como é posíbel que unha empresa privada teña acceso para o seu beneficio á información contida nuns documentos que non son públicos e que recollen valiosos datos científicos sobre especies tan sensíbeis?", critican desde Adega.

"Como se entende que universidades, concellos, e cidadanía en xeral non poidamos dispoñer da información necesaria para poder contribuir á conservación destas especies e evitar o seu deterioro, mentres que as empresas amigas da Xunta fan un uso espúreo dela? E como é posíbel que os cartos públicos investidos na redacción deses planos beneficien unicamente a unha empresa privada en lugar de incidir positivamente na conservación das especies obxectivo?", destaca.

ESPECIES PROTEXIDAS

Este 22 de maio celebrouse o Día Mundial da Diversidade Biolóxica. No Catálogo Galego de Especies Ameazadas e que poden servir de indicadores do estado xeral da biodiversidade galega, a situación é crítica: Só 3 das 200 especies ameazadas contan cun plano de conservación ou recuperación aprobado e en funcionamento.

 

Dende 2007 a Xunta só foi quen de aprobar as ferramentas (planos de conservación e recuperación) de 3 especies en perigo: sapoconcho común, escribenta das canaveiras e píllara das dunas. Dende aquela, e segundo apunta Adega, moitas das especies ameazadas viron ocupados, fragmentados ou eliminados os seus hábitats por todo tipo de actividades e infraestruturas: eólicos, canteiras, liñas de alta tensión, vías de comunicación etc, que con toda seguridade degradaron as súas poboacións.

 

"O desleixo dos actuais responsábeis da Xunta por conservar e recuperar a nosa biodiversidade máis sensíbel constitúe o principal factor de ameaza para estas especies", critica Adega. Así, destaca que, de terse aprobado a tempo as preceitivas ferramentas de xestión, moitas das especies ameazadas poderían ter mellorado a súa situación: "habería proxectos para as conservar ou recuperar e as súas áreas de presenza e reprodución estarían protexidas fronte á degradación dos seus hábitats por actividades agresivas".

 

Plantación de eucaliptos na área de protección da RN2000 do Careón que pon en perigo especies endémicas galegas
Plantación de eucaliptos na área de protección da RN2000 do Careón que pon en perigo especies endémicas galegas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta