Reclaman "dignidade" ante o "abandono" do Panteón de Galegos Ilustres

A Fundación Rosalía de Castro e o Museo do Pobo Galego reclamana o Panteón de Galicia como "unha entidade de dereito público" para así facer que desempeñe "un papel vivo e activo como un lugar de encontro, de aprendizaxe e de alento do sentir da comunidade dos galegos de dentro e de fóra do país".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2021 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

O traslado dos restos de Rosalía de Castro ao Panteón de Galegos Ilustres cumpriu 130 anos, unha efeméride que foi conmemorada pola Fundación en honra á escritora e polo Museo do Pobo Galego, institucións que reclamaron "dignidade" ante o "abandono" que, segundo denuncian, padece o mausoleo no que repousan Castelao, Domingo Fontán, Alfredo Brañas, Ramón Cabanillas ou Francisco Asorei.

Os presidentes da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, foron os encargados de realizar unha ofrenda ante a tumba que acolle os restos de Rosalía de Castro no panteón do convento de San Domingos de Bonaval.

Durante a homenaxe, Beramendi e Angueira reivindicaron a apertura ao acceso público ao mausoleo e que as administracións poñan fin ao "baleiro normativo" no que se atopa para, deste xeito, dotar da "dignidade que se merece un monmento que é un símbolo da identidade galega".

Así, os representantes da Fundación Rosalía e do Museo do Pobo Galego reclamaron o "desbloqueo" da proposta lexislativa para o Panteón de Galicia, promovida polo propio museo e presentada ante o Parlamento autonómico polo Consello da Cultura Galega no ano 2011.

Este texto normativo, elaborado por unha comisión composta polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego e as fundacións Rosalía de Castro, Alfredo Brañas e Castelao; propón articular o Panteón de Galicia como "unha entidade de dereito público" para así facer que desempeñe "un papel vivo e activo como un lugar de encontro, de aprendizaxe e de alento do sentir da comunidade dos galegos de dentro e de fóra do país".

TRASLADO EN 1891

O 25 de maio de 1891, case seis anos despois do seu falecemento, os restos de Rosalía de Castro foron trasladados, tras o consentimento de Manuel Murguía e a familia da escritora, desde o cemiterio de Adina, en Iria Flavia --Padrón--, ata a igrexa do convento de San Domingos de Bonaval.

Este feito, impulsado por iniciativa da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, o concello compostelán, a Asociación Rexionalista Galega e un grupo de estudantes de Dereito, marcou o inicio do Pantón de Galegos Ilustres como un símbolo da identidade galega.

Máis tarde, o corpo de Alfredo Brañas foi enterrado no mesmo lugar no ano 1906, tamén seis anos despois da morte do líder rexionalista nacido en Carballo. Case 30 anos despois comezou a celebrarse unha misa "polas almas" de Rosalía e de Brañas, que se concibiu como "unha reunión da relixiosidade e do patriotismo galego", segundo as crónicas da revista Nós recuperadas pola Fundación Rosalía.

A Guerra Civil interrompeu estas cerimonias, recuperadas, en parte, polo Padrodado Rosalía de Castro, antecedente da fundación con sede na Casa da Matanza de Padrón. Cada 25 de xullo a partir de 1949, esta entidade organizaba unha misa en honra a Rosalía en Bonaval que constituíu, para a fundación, o único acto de carácter galeguista e reivindicativo que foi tolerado polo réxime ditatorial de Francisco Franco.

Os presidentes da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, realizan unha ofrenda ante a tumba de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres. FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO
Os presidentes da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o Museo do Pobo Galego, Xusto Beramendi, realizan unha ofrenda ante a tumba de Rosalía de Castro no Panteón de Galegos Ilustres. FUNDACIÓN ROSALÍA DE CASTRO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta