Así serán os exames da primeira oferta de emprego público do ensino en Galicia durante a pandemia

Os primeiros exames celébranse do 19 ao 25 de xuño, pero opositores en corentena ou embarazadas poderán facer a proba o 10 de xullo.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/05/2021 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

Os exames da primeira oferta de emprego público (OPE) do ensino que se celebrará en Galicia durante a pandemia --en 2020 aprazáronse as probas-- descentralízanse '' e non terán lugar só nas cidades, senón en 23 concellos. Tamén haberá máis tribunais, distancia e máscara, e mesmo unha data alternativa para persoas en corentena ou mulleres embarazadas, así como zona de illamento por se alguén ten síntomas no momento.

Protocolo de oposicións de educación en Galicia
Protocolo de oposicións de educación en Galicia | Fonte: Xunta de Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presentou este xoves o protocolo e os detalles das oposicións correspondentes a 2020 e que quedaran aprazadas pola covid-19. Os primeiros exames celebraranse entre o 19 e o 25 de xuño e a segunda proba desenvolverase con posterioridade, nas datas marcadas polos tribunais.

Román Rodríguez defendeu que estas oposicións, as primeiras do ensino realizadas en pandemia, son "unha gran oportunidade" para a consolidación dos persoais de profesorado, dado que permitirán tanto o ingreso de novos profesionais do ensino como a estabilización de persoas que xa traballan nel.

Non en balde, remarcou que a convocatoria favorece a promoción interna desde o propio corpo docente ou o cambio de especialidade, reforza a Inspección educativa --que definiu como a "clave de bóveda" do sistema-- e impulsa a carreira docente, con 1.300 prazas de catedráticos.

Os exames terán lugar, por primeira vez, máis aló das sete cidades galegas e serán un total de 23 as localidades que os acollan. Deste xeito, na provincia da Coruña haberá probas na Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Oleiros e Santiago de Compostela; na de Lugo, en Monforte, Lugo e Viveiro; na de Ourense, no Carballiño, Ourense, Ribadavia e Vilamarín; e na de Pontevedra, na Estrada, Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

MENOS OPOSITORES POR TRIBUNAL

O incremento de localidades é a principal medida da Xunta de Galicia para conseguir "as máximas garantías de seguridade sanitaria" nas oposicións, de maneira complementaria ao incremento de número de tribunais, ata un total de 368.

"Isto supón nove máis dos que anunciamos inicialmente e, o que é máis importante, supón máis que duplicar os 163 tribunais que houbo nas oposicións do ensino do ano 2019", explicou o conselleiro.

"Deste xeito, e tendo en conta que temos inscritas nestas probas un total de 25.710 persoas, estamos a falar de 70 opositores de media por cada tribunal, fronte aos 109 opositores por tribunal do ano 2019", destacou.

DISTANCIA, MÁSCARA E IDENTIFICACIÓNS SENTADOS

Estas medidas van acompañadas dun protocolo de adaptación á covid, que leste mesmo xoves foi presentado na mesa sectorial, e que inclúe entre os seus puntos fundamentais que aos recintos só poderán acceder as persoas opositoras, gardar unha distancia de 1,5 metros, o uso obrigatorio de máscara cirúrxica ou hixiénica, e a hixiene de mans con xel hidroalcohólico á entrada e saída.

Tamén inclúe a limpeza e a desinfección das superficies, a ventilación dos espazos e o uso exclusivamente persoal de materiais como os bolígrafos, entre outros.

Así mesmo, suprímese o acto de presentación e será cada tribunal o que comunique a través do Portal Educativo a aula concreta na que se examinará cada persoa e todas as cuestións que sexan necesarias; e a identificación das persoas opositores realizarase na propia mesa, cando xa estean sentadas, para evitar aglomeracións.

DATA ALTERNATIVA E ZONA DE ILLAMENTO

O protocolo responde tamén "a dúas cuestións de vital importancia no actual contexto", en palabras do conselleiro. Por unha banda, contémplase que se unha persoa non pode acudir ao exame por estar en corentena por un contacto estreito relacionado coa covid, por ter a covid ou por estar embarazada, poderá realizar a proba o día 10 de xullo de 2021, achegando a xustificación médica necesaria.

Por outra banda, se alguén presenta síntomas da covid no propio exame, a persoa será trasladada á zona reservada de illamento. Neste espazo o persoal aspirante poderá continuar desenvolvendo o exame, se lle é posible, baixo a vixilancia dunha persoa integrante do tribunal que manterá a máxima distancia de seguridade posible e, de polo menos, 1,5 metros.

"A MÁIS AMPLA DA HISTORIA"

"Desde o primeiro momento o noso obxectivo foi asegurar a máxima garantía sanitaria nestas probas e creo que o imos conseguir a través de todas estas medidas", destacou Román Rodríguez, quen precisou que, "despois de sacar adiante o curso escolar 2020/21 con éxito e máxima presencialidade, este é un novo reto no que se traballa intensamente".

"Falamos da oferta de emprego público docente máis ampla da historia, 3.894 prazas en 97 especialidades, e é importantísimo sacala adiante con garantías", afirmou, antes de lembrar que xa se aprobou a OPE de 2021, con 1.604 prazas. Esta desenvolverase coa oferta correspondente ao exercicio de 2022.

En total, o conselleiro destacou que no últimos cinco anos convocáronse máis de 10.600 prazas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta