Jácome admite "contactos ao máis alto nivel" para que o PP volva ao goberno: "De Casado cara abaixo, todo"

Defende que o seu actual equipo "funciona" pero que "cantos máis mellor", en relación tamén ao Partido Socialista.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 27/05/2021 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, afirmou que existen "contactos ao máis alto nivel" que abren a porta a que o PP poida regresar ao goberno local da cidade das Burgas.

O rexedor da terceira cidade de Galicia compareceu este xoves para facer balance no que é o ecuador do seu mandato e pronunciouse sobre os proxectos locais como a mobilidade vertical, obras nos parques infantís ou a licitación dos contratos de limpeza.

Así mesmo, volveu incidir en que Ourense é "a Cincenta galega" e que o Goberno central, xunto coa Xunta de Galicia, son os que teñen as competencias en emprego e industria subliñando, "e son tremendamente discriminatorios con Ourense".

Neste sentido, puxo a súa queixa na Circunvalación exterior e o variante norte pondo en dúbida a estación do AVE. "En Vigo, o Estado español non só vaille a pór unha estación espectacular de 200.000 euros, senón que lle vai a meter un centro comercial que vai ser dos mellores do norte de España e aquí, en Ourense, nin hai nin se lla espera", afeou.

"Todo iso empobrece e non é culpa do alcalde", sentenciou para despois expresar, como afeccionado ao atletismo, que "o mandato ata agora foi unha carreira de 1.500 metros para tentear e observar pero cando se define todo é ao final".

"DE CASADO CARA ABAIXO, TODO"

Ao final da comparecencia foi cando a preguntas dos medios falou sobre as conversas que afirmou manter co Partido Popular. "Hai contactos ao máis alto nivel, a partir de Casado cara abaixo, todo", esgrimiu, aínda que reiterou que o Concello "está a funcionar mellor que nunca".

Así, reincidiu en que o seu goberno local, formado por 3 concelleiros, el e outros dous edís dun total de 27, funciona "sen problema", pero deixando a porta aberta ao regreso do Partido Popular porque "cantos máis mellor". Preguntado entón por se as conversacións frutificarían, entre risas aseverou, "témome que si".

"NON SOMOS BONECOS"

Con todo, quixo aclarar que o regreso non sería volver á coalición pasada porque a repartición de áreas non se mantería igual.

Puxo como exemplo a Tenencia de Alcaldía que, co Partido Popular gobernando, posuía o edil Jorge Pumar e que agora mantén Armando Ojea, afirmando que a conservaría este último. "Nós non somos bonecos", avisou.

Ademais, afirmou que hai áreas nas que actualmente "se está nunha boa senda e por tanto non é o momento de cambiar". Aínda co regreso do Partido Popular, o goberno seguiría estando en minoría, algo que Pérez Jácome xustificou expondo que as portas tamén están abertas ao Partido Socialista porque considera que "cantos máis mellor sempre que sexa para traballar ben, por exemplo cos tránsfugas non, porque cos apestados non contamos".

"O FANTASMA SEMPRE ESTÁ AÍ"

Gonzalo Pérez Jácome pretende aprobar unha modificación de crédito por importe de 62 millóns de euros, para iso necesita que sexa aprobada no pleno municipal do próximo 4 de xuño, algo que xa manifestou é case seguro que se vai a atopar co non dos tránsfugas e "moi probablemente" o non do Partido Socialista.

Así, preguntóuselle se hai posibilidade de que a vincule a unha cuestión de confianza, despois de recoñecer que a modificación de crédito é en bloque "porque é necesario para a cidade que se aprobe canto antes e por outros motivos" pero eludiu contestar respondendo que "se cruzará o río ao chegar a el".

Así, no caso de que a vincule a unha cuestión de confianza e non houbese un resultado favorable na votación, a lei establece que o alcalde quedará en funcións durante un mes, se non hai moción de censura con candidato alternativo nese tempo, Jácome recuperaría as súas funcións e a modificación quedaría aprobada.

"O fantasma da moción de censura sempre está aí porque é unha posibilidade por iso é mellor ter maiorías absolutas", sentenciou.

Gonzalo Pérez Jácome en rolda de prensa.
Gonzalo Pérez Jácome en rolda de prensa. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 anonimo

¿ Non hai ? ¿ Non hai nengunha ? ¿ Nengunha foto de Jácome en que teña pinta de... en fin de alguén mínimamente intelixente ? Home debe ser difícil, pero ao mellor nalgunha sae ca boca pechada e afeitado.. E cuestión de mirar, e ser menos perguizeiros.