Renfe prevé repor "a mediados de xuño" todos os servizos de Alvia Madrid-Galicia que había na etapa precovid

Táboas avanza un "incremento da oferta" cando chegue o AVE a Galicia, o que sitúa en decembro.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/05/2021 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O presidente de Renfe, Isaías Táboas, prevé que "a mediados de xuño" estean xa repostos "todos os servizos Alvia que había entre Madrid e Galicia" na etapa precovid, de modo que a oferta volva ao nivel do ano 2019.

Tren Alvia 130 de Renfe
Tren Alvia 130 de Renfe | Fonte: Renfe.

O primeiro paso será que esta mesma liña incorpore o vindeiro luns 7 de xuño outras 10 circulacións semanais --pasará de 56 a 66--, coas que estes servizos ferroviarios alcanzarán o 67,3 por cento do total que había antes da pandemia. A isto hai que sumar que o 14 de xuño haberá un servizo diario adicional.

Unha vez recuperada a oferta sobre os niveis precovid, o presidente de Renfe garantiu que se vai "manter", aínda que "lamentablemente aínda non" se espera que a demanda por parte dos usuarios volva ser a mesma.

Todo iso avanzouno Táboas nunha comparecencia ante os medios na estación de ferrocarril de Santiago de Compostela, onde este venres asinou co vicepresidente primeiro e conselleiro de Turismo da Xunta, Alfonso Rueda, o convenio para volver pór en marcha este verán os trens turísticos.

Para o presidente de Renfe, a recuperación deste servizo e a equiparación dos traxectos cos que había antes da crise sanitaria permitirá contribuír "a que a xente poida vir a Galicia" nun ano Xacobeo, o que dará "máis oportunidades" a sectores como o turístico e o comercio.

"Renfe ten un compromiso con Galicia e ganas de cumprir con Galicia", recalcou, para seguidamente avanzar que a previsión é "incrementar a oferta" cando o AVE estea operativo, ao redor de decembro.

A partir de entón, agregou o presidente, os tempos de viaxe serán "moi competitivos", xa que "o gran mercado emisor" de turistas que é Madrid estará a dúas horas e media de Ourense, a tres horas e cuarto de Santiago e a catro horas da Coruña e Vigo.

"Por tanto, se este ano Xacobeo 21-22 é bo, o seguinte terá que ser aínda mellor", recalcou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta