Posposto o ditame para a proposta de modificación orzamentaria de 62 millóns no pleno de Ourense

O motivo foi a solicitude do Partido Socialista de novos informes técnicos sobre o expediente debido, segundo explicou o portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, a que se trata de modificacións "en bloque" feitas "sen contar cos grupos da oposición".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2021 | Actualizada ás 18:03

Comparte esta noticia

A Comisión de pleno do Concello de Ourense pospuxo o ditame da proposta de modificación orzamentaria de 62 millóns de euros que expuña o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensana).

A unha semana de que se celebre o pleno que tería que aprobar a modificación orzamentaria proposta por Jácome, a Comisión de Pleno do Concello de Ourense decidiu deixar sobre a mesa, polo momento, o plan de mobilizar 62 millóns de euros do remanente de tesouraría para dedicar as infraestruturas e servizos da cidade.

O motivo foi a solicitude do Partido Socialista de novos informes técnicos sobre o expediente debido, segundo explicou o portavoz socialista, Rafael Rodríguez Villarino, a que se trata de modificacións "en bloque" feitas "sen contar cos grupos da oposición".

Neste sentido, Villarino trasladou que entenden que ditas modificacións deberían ter a mesma consideración que a tramitación dun orzamento e, por tanto, estar sometidas a un prazo de presentación de emendas. Por iso solicitaron 4 informes; o de Intervención Xeral, o do secretario, o do interventor e o de tesouraría, todos eles por escrito, propondo pospor o ditame da iniciativa ata ata resolver estas cuestións.

A proposta foi votada favorablemente polo BNG e polo representante do non adscritos, nunha acción cualificada de "manobra dilatoria" polo goberno local.

MANTENSE A PROPOSTA

O goberno municipal avanzou que se solicitarán os informes requiridos polo Partido Socialista e incorporaranse ao expediente coa finalidade de que a modificación orzamentaria "vaia no próximo Pleno ou nunha sesión extraordinaria".

Pola súa banda, o BNG municipal manifestouse na mesma liña que o PSOE de Ourense afirmando que "unha modificación de tal calibre" non pode ser "imposta sen falar coa oposición e deixando fóra da mesma moitas demandas veciñais".

Para os nacionalistas, é necesario sentar entre todos os grupos e "definir prioridades". Recoñecen que "hai cuestións coas que si están de acordo especialmente en materia social" pero esgrimen que "Jácome ten que deixar de actuar de modo autoritario e deixarse de chantaxes ao resto da corporación", segundo o portavoz da formación, Luís Seara.

ABSTENCIÓN DO PP

A proposta do PSOE de pospor o ditame saldouse coa abstención do Partido Popular, unha resposta que chega tan só un día despois de que o alcalde da terceira cidade galega afirmase que había "contactos ao máis alto nivel" dentro do PP e expuxese a posibilidade do retorno dos populares ao goberno local.

"Desde Casado, cara abaixo, todo", trasladou en referencia á altura do nivel. Así mesmo, preguntado sobre se frutificarían esas conversacións, afirmou "temo que si", por iso a abstención do Partido Popular nesta votación foi cualificada polo goberno municipal como "unha sorpresa".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. EUROPA PRESS - Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta