A OPE de educación superará as 3.000 prazas o ano que vén ao acumular as aprobadas para 2021

O conselleiro de Educación defende que as medidas anti covid funcionaron "moi ben" nun curso no que "os nenos foron heroes".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2021 | Actualizada ás 16:40

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asegurou este sábado que as oposicións do ensino en Galicia o próximo exercicio sumarán un número de prazas "semellante, 100 ou 150 por arriba ou por abaixo" ás que se celebran o mes próximo e superaranse " as 3.000", tendo en conta que se acumulará a oferta pública de emprego deste 2021 (xa aprobada) coa de 2022.

Así o ratificou nunha entrevista concedida á Radio Galega e recollida por Europa Press, na que incidiu no traballo e "responsabilidade" que implicou preparar, no marco dunha pandemia, o protocolo para as probas que se celebran neste mes de xuño (relativas ás 3.894 prazas que quedaran aprazadas de 2020).

Preguntado sobre se o modelo de celebrar as probas en máis localidades que nas cidades (as oposicións terán este ano 23 sedes), apelou á "prudencia" e incidiu no esforzo organizativo e económico que supón esta descentralización para a Administración galega. "Moitos aspectos viñeron para quedar, pero outros non. Haberá que avalialo", dixo.

Ao tempo, puxo en valor a renovación do persoal docente en Galicia. "Desde 2009 renovamos case o 50% do persoal do profesorado", sentenciou, e reivindicou os "bos indicadores" que rexistra Galicia no que respecta a parámetros académicos co informe PISA como guía.

"OS NENOS FORON HEROES"

Román Rodríguez defendeu, así mesmo, o protocolo anti covid implantado nas aulas galegas, onde "salvo casos moi localizados" non houbo transmisión interna. "Iso é que as medidas se cumpriron e fíxose ben", esgrimiu. "Fixémolo moi ben en Galicia", insistiu, á vez que destacou o investimento e a organización impulsada desde a Administración galega, así como o papel do alumnado. "Os nenos foron heroes, tremendamente disciplinados", aseverou o conselleiro, quen, sobre o protocolo do próximo curso, non desvelou que ocorrerá cos profesores de reforzo.

"Estamos a avaliar como quedan os persoais e os grupos (de acordo co novo protocolo exposto polo goberno). Non se trata de ter máis ou menos profesores ou máis ou menos grupos, senón de que as medidas respondan e poidamos volver canto antes á normalidade", esgrimiu, antes de destacar a importancia da vacinación neste proceso.

MEIRÁS E CASA CORNIDE

Sobre a incoación do expediente como Ben de Interese Cultural (BIC) da Casa Cornide da Coruña, indicou que se acaba de dar o paso e recalcou que "en ningún caso implica un cambio de propiedade, senón a protección patrimonial", aínda que cando se culminaron os pasos o concello "poderá tomar as medidas que vexa oportunas".

Finalmente, sobre a ampliación da declaración BIC aos bens que hai no Pazo de Meirás, subliñou que o que se dá co Goberno é "unha discrepancia xurídica, non política", xa que a Asesoría Xurídica autonómica "entende que quen tería que ampliar a declaración BIC é o Estado e o Estado entende que a Xunta". "Hai que buscar unha solución e desde a Xunta expomos que nós estamos dispostos a ampliar o expediente BIC para protexer os bens, pero pedimos un acordo entre as partes a través dun convenio e non entendemos por que o Estado se nega a fortalecer esa relación positiva", resolveu.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presenta no pleno o proxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa. XUNTA / XOAN CRESPO / Europa Press
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presenta no pleno o proxecto de Lei de recoñecemento da Universidade Intercontinental da Empresa. XUNTA / XOAN CRESPO / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta