Ciudadanos apoiará a Pérez Jácome na súa modificación de crédito por incluír "cuestións de primeira necesidade"

"Teñen que deixar de enredar e facer movementos estratéxicos importantes e non andarse con parvadas", declarou o portavoz do Grupo Municipal de Ciudadanos en Ourense, José Araújo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2021 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O portavoz do Grupo Municipal de Ciudadanos en Ourense e único concelleiro laranxa no consistorio ourensán, José Araújo, xustificou que o apoio ao expediente de modificación de crédito proposto polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, para mobilizar 62 millóns de euros do remanente débese a que "inclúe cuestións básicas e de primeira necesidade".

A formación laranxa é, ata o momento, a única que avanzou o seu voto favorable á iniciativa do rexedor, mentres que o resto de grupos (PP, PSOE e BNG) solicitaron informes antes de situarse publicamente.

Este luns, José Araújo explicou que, nun principio, o alcalde non facilitara a información, pero el solicitou unha reunión para obtela e, unha vez tivo detalladas as partidas, asegura que comprobou que "salvo algún detalle" que ve "colleita do goberno", como as escaleiras mecánicas, o resto "son cuestións básicas para a cidade".

Neste sentido, afirmou que se fala de cuestións relevantes como as termas para a súa adaptación ás novas normativas --"non teñen partida de investimento, hai que darlla", ou o convenio coa Xunta de Galicia para a ampliación do Hospital Santa María Nai, que "vai recollido na modificación, non se pode votar en contra".

Deste xeito, cuestionou a decisión do resto de partidos da oposición. "Teñen que deixar de enredar e facer movementos estratéxicos importantes e non andarse con parvadas", aseverou Araújo, quen reivindicou de si mesmo que no concello fai "oposición a Jácome, non aos veciños de Ourense", ao tempo de afear a PP, PSOE e BNG de actuar "en clave 2023", en alusión ás próximas municipais.

"Se se expón unha cuestión como esta, por responsabilidade, hai que apoiala, non porlle paus nas rodas", continuou, antes de recocnocer que, en todo caso, pareceulle "mal" a forma de actuar do rexedor, ao presentar o expediente en lote e sen unha previa negociación cos grupos. "Aínda que me gustaría que fose por separado e negociado, o alcalde é como é e é o que temos; non podemos usalo de escusa para bloquear a cidade", resolveu.

O concelleiro de Ciudadanos en Ourense, José Araújo / Ciudadanos. / Europa Press
O concelleiro de Ciudadanos en Ourense, José Araújo / Ciudadanos. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta