O polígono industrial de Vilanova de Arousa aumentará a súa superficie tras anos sen avances

O parque de Vilanova de Arousa conta cunha superficie bruta de 315.672 metros cadrados, unha superficie neta de 142.723 metros cadrados, con edificabilidade industrial de 104.987, terciaria 47.169 e total de 152.157 metros cadrados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2021 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, mantivo este luns un encontro institucional coa xerente da sociedade mercantil estatal Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, para abordar o futuro dos parques empresariais de Vilanova de Arousa e Catoira. Segundo puxeron de manifesto, o primeiro triplicará a súa ocupación.

Así o avanzou Beatriz Sestayo á subdelegada, á que explicou que o polígono de Vilanova triplicará a súa ocupación tras anos sen avances grazas aos acordos alcanzados coa Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), que se instalará en sete parcelas que suman case 20.000 metros cadrados, e a empresa conserveira Vinova Group, vinculada a Conxelados Cíes, que se fixo con outro cinco parcelas na mazá 3 que suman 19.229 metros cadrados.

O parque de Vilanova de Arousa conta cunha superficie bruta de 315.672 metros cadrados, unha superficie neta de 142.723 metros cadrados, con edificabilidade industrial de 104.987, terciaria 47.169 e total de 152.157 metros cadrados.

O segundo parque empresarial que xestiona esta sociedade na provincia de Pontevedra é o de Catoira, que conta tamén cunha superficie bruta de 91.139 metros cadrados, unha superficie neta de 59.560 metros cadrados, con edificabilidade industrial e terciario de 41.692 e edificabilidade total de 41.692.

A xerente da SEA explicou á subdelegada que na actualidade impulsan o dereito de superficie, un sistema próximo ao aluguer con opción a compra pero con maiores vantaxes e que permite ás empresas comezar a súa instalación nun polígono sen ter que comprar as parcelas de forma inmediata.

Segundo indicou, esta modalidade está pensada para favorecer o asentamento de empresas e facilitarlles o seu financiamento e é a que propiciou o recente impulso ao polígono de Vilanova de Arousa e espérase que continúe dando froitos nos restantes parques da Comunidade galega.

NOVOS AVANCES

Pola súa banda, a subdelegada destacou o labor desenvolvido pola xerente nestes dous primeiros anos ao cargo da entidade e púxose a disposición da SEA "para propiciar novos avances que contribúan ao desenvolvemento económico da provincia".

Neste sentido, Larriba resaltou que na actualidade esta sociedade realiza dous estudos de viabilidade económica e financeira tanto no municipio da Guarda como no de Cuntis que permitirían ampliar o chan empresarial da provincia.

Vista aérea do Polígono Empresarial de Vilanova de Arousa, xestionado pola sociedade Suelo Empresarial deñ Atlántico.. SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO - Arquivo
Vista aérea do Polígono Empresarial de Vilanova de Arousa, xestionado pola sociedade Suelo Empresarial deñ Atlántico.. SUELO EMPRESARIAL DEL ATLÁNTICO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta