A Universidade de Vigo estrea sede no Casco Vello, no centro da cidade

Abel Caballero destacou que a apertura dunha sede da universidade en pleno corazón de Vigo supón "corrixir un erro".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 31/05/2021 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

A Xunta entregou este luns, formalmente, á Universidade de Vigo o edificio rehabilitado que albergará a súa nova sede no centro da cidade, no pleno Casco Vello; que foi bautizado como "Redeiras" e que acollerá, entre outros servizos, o programa de maiores e a Escola Aberta de Formación Permanente da institución académica.

O acto estivo presidido polo titular do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou que o edificio, que xorde da recuperación de tres inmobles da Praza do Berbés, é un exemplo de arquitectura "armoniosa" coa súa contorna, con materiais de Galicia, cunha aposta pola "sustentabilidade" e con vocación de ser un "punto de encontro" entre a cidade e a súa universidade.

No inmoble, que ten máis de 1.400 metros cadrados, investíronse máis de 2 millóns de euros para a súa rehabilitación, aos que hai que sumar o millón de euros investidos na adquisición, a través do Consorcio do Casco Vello (organismo participado nun 90 % pola Xunta e nun 10 % polo Concello de Vigo), que cede á UVigo o uso por 40 anos.

Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, lembrou que, dentro do plan estratéxico da institución, recóllese o "achegamento" á cidade e a sociedade civil, e sinalou que a nova sede non só instálase nun "lugar icónico", onde ten a súa orixe a cidade de Vigo, senón que leva o nome dun colectivo de mulleres "invisibilizadas" moitas veces.

Finalmente, o alcalde da cidade, Abel Caballero, destacou que a apertura dunha sede da universidade en pleno corazón de Vigo supón "corrixir un erro". "Que unha parte da Universidade escapara da cidade non foi unha gran decisión", constatou, á vez que recalcou que, "para Vigo é imprescindible vivir preto da súa Universidade".

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración do edificio 'Redeiras', nova sede da UVigo na Praza do Berbéz.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na inauguración do edificio 'Redeiras', nova sede da UVigo na Praza do Berbéz. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta