Emprego xuvenil e feminino, máis castigado na crise da covid-19 que na gran recesión de 2008

“Parece que os ERTE protexeron menos o emprego xuvenil que o de traballadores maiores de 30 anos", advirten economistas galegas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A actual crise económica derivada da pandemia de covid-19 está a golpear máis forte no emprego xuvenil en Galicia que a anterior Gran Recesión –a de 2008– e, en particular, nas mozas. Segundo unha análise de expertos do centro de investigación AYeconomicsspin-off da Universidade de Santiago de Compostela– os mozos e mozas entre 16 e 29 foron utilizados como “amortecedor” na economía galega, isto é: “Despedilos durante as recesións e contratalos durante as recuperacións, e a crise da covid-19 non foi unha excepción”, explican.

Camareira
Camareira | Fonte: Pixabay.

Yolanda Pena Boquete, xefa da División de Investigación de AYeconomics, e Iria Dios Murcia, experta en economía de xénero neste departamento, compararon os factores detrás da destrución de emprego en ambas as crises económicas –a iniciada en 2008 e a de 2020– para distintos grupos demográficos en función do seu sexo e idade. Os seus resultados, din, “mostran que a concentración do emprego xuvenil en determinados sectores, en particular o das mulleres, amorteceu a súa perda de emprego durante a Gran Recesión; porén, estes grupos concentráronse nos sectores máis afectados durante a covid-19, aumentando a súa perda de emprego”.

"A aplicación dunha política sectorial para reducir os efectos no emprego da covid-19 nos grupos xuvenís pode aliviar os efectos, pero non resolver o problema”

Esa maior concentración dos mozos nos sectores máis golpeados pola crise derivada da pandemia leva a afirmar a estas expertas que “unha política que se centre só en recuperar o emprego destes sectores non resolverá os problemas” do grupo máis novo no mercado laboral, “xa que se estarán a empregar como reserva de traballo, despedidos na recesión e contratados na recuperación”.

“Isto significa que a aplicación dunha política sectorial para reducir os efectos no emprego da covid-19 nos grupos xuvenís pode aliviar os efectos, pero non resolver o problema”, advirten.

Nesta liña, explican que unha das razóns que motivan a posibilidade de usar os mozos como “reserva de emprego” pode ser “a alta cota de traballadores novos que ocupan empregos temporais en comparación coa media europea”.

Así, lembran que en 2019, esta cota de traballadores xuvenís foi próxima ao 60% en Galicia, case o dobre que a media da Unión Europea. “De feito”, engaden, “parece que os ERTE protexeron menos o emprego xuvenil que o de traballadores maiores de 30 anos, xa que os seus contratos non se renovaron a finais de febreiro nin principios de marzo” de 2020, é dicir, antes de que Goberno central, patronal e sindicatos asinasen o acordo sobre os ERTE por mor da pandemia e dos confinamentos.

“EFECTO AMORTECEDOR”

As expertas sinalan que ese “efecto amortecedor” se deu “en todas as recesións, especialmente nos traballadores máis novos”, e consideran que “forma parte dos problemas estruturais do mercado de traballo español relacionados coa sobredimensión dos contratos temporais”.

As economistas lembran que na Gran Recesión que comezou en 2008, a utilización da mocidade como “reserva de emprego” permitiu “compensar” os efectos da segregación industrial ou ocupacional, “especialmente para as mulleres”, xa que a primeira etapa daquela crise “afectou principalmente o sector da construción, sobrerrepresentado por homes”, de xeito que “as mulleres perderon menos emprego”, detallan.

Os sectores máis afectados nesta nova recesión “están sobrerrepresentados por mulleres e traballadores novos”

Pero ese efecto sectorial funcionou de xeito contrario durante a crise da covid-19, xa que os sectores máis afectados nesta nova recesión “están sobrerrepresentados por mulleres e traballadores novos”, apuntan.

De feito, o informe do Banco de España ‘El impacto de la crisis del covid-19 sobre el empleo de los jóvenes y las mujeres’, publicado o 8 de xullo de 2020, xa sinalaba que os sectores que rexistraron as caídas de actividade máis importantes desde a entrada en vigor do estado de alarma foran a hostalería, as actividades artísticas, recreativas e de entretemento, e “outros servizos”. Un grupo de sectores que, como recordan as analistas de AYeconomics, “ten unha maior proporción de traballadores novos e, especialmente, de mulleres”.

Así, insisten en que se ben as políticas sectoriais poden axudar a recuperar algúns empregos perdidos”, non cren que ese enfoque permita a recuperación de todo o emprego xuvenil perdido en Galicia.

Na actual crise, e tendo en conta o desenvolvemento actual das tecnoloxías dixitais, defenden que a actual crise pode representar “unha oportunidade para fomentar sectores emerxentes que garantan un crecemento futuro sostible e equitativo”. Neste contexto, a Organización Internacional do Traballo considera que os mozos que traballan teñen un mellor rendemento que os adultos en empregos cun alto uso de tecnoloxía e isto permitiríalles adaptarse máis facilmente. Mentres que a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) sinala que esta pandemia ofrece unha gran ventá de oportunidades para que os responsables políticos desenvolvan políticas de emprego máis intensas centradas na mocidade e que incorporen un enfoque de xénero nas estratexias sectoriais.

16-29 ANOS, O GRUPO “MÁIS VOLÁTIL”

O número medio de traballadores en Galicia por grupos de idade en 2019, xusto antes de comezar a crise da covid-19, era dunhas 56.000 mulleres e 67.000 varóns entre 16 a 29 anos, e dunhas 460.000 traballadoras de 30-64 anos e case 500.000 homes.

O grupo de 16-29 anos está considerado o “máis volátil” no mercado laboral, con cambios no emprego xuvenil “motivados principalmente polo efecto participación, negativo nas recesións e positivo durante a pequena recuperación entre crises” (o efecto participación calcula o efecto dos cambios na cota de traballadores novos en cada sector mantendo o emprego total en cada sector).

"A proporción de mozos con contratos temporais en Galicia é moi alta no contexto europeo”

Este comportamento do emprego xuvenil, que perde cota de participación durante as crises e aumenta durante as recuperacións “confirma que os traballadores novos están sendo empregados como forza de traballo amortecedora”, o cal é “especialmente importante en Galicia, xa que a proporción de mozos con contratos temporais é moi alta no contexto europeo”, describen as autoras.

Por outro lado, o efecto crecemento mide o efecto dos cambios no emprego total en cada sector mantendo constante a cota de mozos en cada un. Este efecto “explica o resto da caída do emprego que sofren os traballadores novos, tanto na Gran Recesión como durante o primeiro trimestre da pandemia de covid-19”, expoñen as economistas.

Aí ven a “primeira diferenza” entre a Gran Recesión e a crise da covid-19 que explica os cambios no emprego xuvenil: “Aínda que o efecto crecemento está dirixido principalmente polo efecto escala nos dous casos, o efecto peso segue unha evolución positiva durante a Gran Recesión e faise negativo na pandemia de covid-19”. O efecto escala describe os cambios no número total de traballadores, mantendo constantes os pesos relativos en sectores, mentres que o efecto peso mide os cambios derivados dos pesos relativos dos sectores que manteñen o emprego total constante.

“Polo tanto”, engaden, “algúns sectores protexeron parte dos seus traballadores mozos durante a Gran Recesión e, sen embargo, na actual crise derivada da pandemia de covid-19 os traballadores novos están máis concentrados nos sectores afectados, o que fai que a perda de emprego sexa relativamente maior que a dos traballadores de maior idade, de máis de 30 anos”, clarifican.

Ao desagregar datos por sexos no grupo de 16-29 anos, observaron que para as mulleres os cambios no emprego explícanse en menor medida polo efecto crecemento, especialmente durante a Gran Recesión. “É dicir, o efecto participación está impulsado pola maioría dos cambios no emprego das mulleres”.

Ese efecto crecemento relativamente menor para as mulleres que para os homes explícase porque “o efecto peso nas mulleres durante a primeira fase da Gran Recesión foi notablemente alto e positivo, mentres que foi negativo para os homes neste período”. E “como resultado, o efecto positivo do efecto peso sobre as mulleres nese período compensa o efecto negativo da escala dado un efecto de crecemento relativamente inferior”.

Isto, proseguen, “é coherente coa hipótese da segregación, xa que a primeira etapa da Gran Recesión afectou principalmente o sector da construción, sobrerrepresentado polos homes”, mentres que “na segunda etapa, a crise estendeuse a outros sectores, polo que o efecto peso achégase a cero”. Porén, durante a pandemia da covid-19, “a segregación feminina non parece axudarlles a manter os postos de traballo e o efecto peso mostra valores negativos para ambos os grupos, sendo aínda maior para as traballadoras novas”, destacan.

“Os traballadores máis novos perderon o seu emprego nunha proporción superior aos maiores"

En canto ao grupo de 30-64 anos, apuntan que “o efecto crecemento provoca principalmente cambios no emprego, mentres que o efecto participación funciona en sentido contrario en ambas as crises”.

Isto, din, sustenta a “hipótese da substitución”, é dicir, “xa que os traballadores máis novos perderon o seu emprego nunha proporción superior aos maiores, a cota de traballadores de 30 ou máis anos medra durante a recesión e substitúe os traballadores máis novos”.

Por sexos, neste grupo o efecto participación é positivo en mulleres e homes, tanto na Gran Recesión como na pandemia, e negativo nas recuperacións. Con todo, se na Gran Recesión os sectores máis castigados pola destrución de emprego foron nos que dominan os traballadores masculinos, na pandemia “os sectores máis afectados son nos que se concentran as mulleres (e a mocidade)”, salientan as economistas.

‘EFECTO ERTE’

Finalmente, as investigadoras tentaron medir ata que punto a aplicación dos Expedientes de Regulación Temporal de Emprego Temporal (ERTE) por forza maior derivada da pandemia puideron salvar postos de traballo en Galicia.

O primeiro destacable é que o número de ERTE foi diminuíndo co paso do tempo, entre abril e setembro de 2020, cun máximo en abril de 165.038 expedientes en toda Galicia.

Aínda que os ERTE por forza maior poden “suavizar a perda de emprego” , as economistas cren que “non é probable que se poidan manter todos os postos de traballo”.

"Os ERTE protexeron en maior medida os traballadores maiores e non os novos"

As economistas lembran que “hai entre un 3% e un 7% de persoas que traballan cero horas en cada trimestre, sendo tradicionalmente agosto o que ten maiores cotas debido ás vacacións de verán”. É dicir, trátase de empregados que están de vacacións, permisos, baixas... Descontados estes traballadores, no segundo trimestre de 2020 (cando se comezaron a aplicar os ERTE por mor do confinamento), a proporción de persoas que informaron cero horas traballadas foi superior ao 25% para todos os grupos demográficos, caendo até o 10% no terceiro trimestre de 2020, segundo a análise das expertas de AYeconomics.

“Para todos os grupos, o efecto do peche sería enorme se os ERTE non se aplicasen”, salientan com base na análise dos datos.

Salientan, ademais, que “os traballadores novos tamén presentan unha acusada diminución do efecto peso, demostrando que esta crise afectou maioritariamente sectores cunha importante presenza de mozos, por exemplo, o da hostalería”.

Como explican, “os ERTE protexeron en maior medida os traballadores maiores e non os novos, e algúns mozos xa estaban no paro cando se aplicaron os ERTE”.

A súa análise publícase no último número da Revista Galega de Economía.

VULNERABILIDADE DO MERCADO LABORAL GALEGO

Un informe publicado polo Grupo Banco Mundial ao inicio da pandemia de covid-19, detectou unha maior debilidade dos empregos nos países do sur da Unión Europea ante a crise sanitaria. A vulnerabilidade de Galicia, segundo este estudo, era similar á da media española e maior que a media do conxunto da UE.

En concreto, o informe situaba a vulnerabilidade do emprego en Galicia no contexto da covid-19 uns cinco puntos por enriba da media europea, e cunha das peores proporcións de empregos adaptables ao teletraballo, dous puntos e medio por debaixo do conxunto do Estado español e sete puntos inferiores ao total europeo.

Galicia atópase entre as rexións europeas con maior proporción de traballos non esenciais que non se poden adaptar ao teletraballo e tamén está entre as que teñen máis empregos non esenciais con maior intensidade das interaccións cara a cara.

Como explicou a este xornal Daniel Garrote Sánchez, consultor para a Estratexia do Banco Mundial para a Protección Social e o Traballo, en Galicia “un 28 % dos traballadores ten empregos que se poden adaptar facilmente ao teletraballo; este dato está por baixo da media de España (30,5 %), que á súa vez é significativamente inferior á media na UE (35 %)”.

“Doutra banda, un 54 % dos galegos están empregados en sectores considerados esenciais, similar á media española, aínda que igualmente inferior á media na UE, que é dun 58 %”, detalllou o analista.

Por último, “en conxunto, un 35 % dos empregados en Galicia ten traballos que nin se poden realizar desde casa nin están protexidos nos decretos gobernamentais como actividade esencial durante o confinamento. Ese dato está en liña coa media española, pero é moi superior á media na UE (30,5 %)”, completou o experto nunha entrevista publicada en xuño de 2020.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta