A Cámara non logra un acordo ante o recurso ao plan do marisqueo nun debate con reproches entre os grupos

Os populares oponse ao texto transaccionado entre BNG e PSdeG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2021 | Actualizada ás 21:21

Comparte esta noticia

O Parlamento galego non logrou un acordo ante o recurso presentado polo Estado ao plan xeral galego de marisqueo nun debate --celebrado este martes na comisión de Pesca-- con reproches entre os grupos.

Tanto o BNG como o PSdeG presentaron senllas iniciativas acerca desta materia, pero transacionaron un acordo, o cal foi rexeitado polo PP. Ese texto pedía abrir "diálogo" entre Xunta e Goberno para resolver conflitos competenciais na materia, "partindo da retirada" inmediata do recurso por parte do Estado.

Ademais, demandábase activar a comisión de transferencias para que o dominio marítimo-pesqueiro pase a Galicia, así como que o Executivo galego faga público o Plan Xeral de Explotación Marisqueira 2021-2023.

Teresa Egerique (PPdeG) mostrou a negativa do seu grupo a apoiar ese acordo, aínda que explicou que a intención dos populares era apoiar a proposición orixinal presentada polo Bloque --que pedía a retirada inmediata do recurso do Estado-- antes de que alcanzase unha transacción cos socialistas.

A este respecto, Egerique responsabilizou aos socialistas de "dar as costas ao sector pesqueiro", mentres acusa o Estado de interpor un recurso "antipesca", "100% político e ideolóxico", despois de que "en 29 anos" non houbese necesidade de presentar un informe agora demandado. Así, alerta do "baleiro legal" que se pode abrir para a actividade duns 8.700 profesionais.

"PIMPAMPUM"

Durante o debate, Rosana Pérez (BNG) censurou "pimpampum entre PSOE e PP" por mor desta cuestión, despois de denunciar a "inxerencia do Estado" sobre competencias galegas no marisqueo, dado que denuncia que "non procede para nada" un informe preceptivo no que se basea o recurso sobre o plan do marisqueo.

Pola súa banda, Julio Torrado (PSdeG) acusou á Xunta de seguir unha "estratexia partidista" contra o Goberno central, pola que "prefire pór en risco o marisqueo no canto de presentar un papel". "Non presentan un documento para poder montar unha guerra", afeou ao Goberno galego.

Hemiciclo do Parlamento de Galicia durante o acto. PARLAMENTO DE GALICIA
Hemiciclo do Parlamento de Galicia durante o acto. PARLAMENTO DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta