As persoas atendidas por Cáritas en Santiago durante os primeiros meses do confinamento aumentaron un 43%

Máis da metade das 16.744 persoas atendidas en 2020 foron mulleres.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2021 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

A organización social Cáritas atendeu no ano 2020 un total de 16.744 persoas en Santiago, das cales máis da metade (o 54,73%) foron mulleres. Ademais, o número de persoas que percibiron axuda durante os primeiros meses do confinamento ascendeu case un 43% respecto ao ano anterior.

Presentación da memoria de Cáritas Diocesana de 2020 en Santiago de Compostela
Presentación da memoria de Cáritas Diocesana de 2020 en Santiago de Compostela | Fonte: Cáritas.

As cifras do pasado ano, no que a entidade vinculada a Igrexa gastou 7,1 millóns de euros na área da capital galega, foron presentadas este mércores polo director de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, José Anuncio, que estivo acompañado polo delegado diocesano, Jesús García Vázquez, coincidindo coa celebración da semana da caridade por parte da institución.

O director diocesano afirmou que, durante a crise sanitaria, Cáritas seguiu ofrecendo unha resposta "satisfactoria", a pesar de que tiveron que "redobrar" os esforzos para atender todas as demandas --"as solicitudes de axuda triplicábanse", dixo--.

Entre as principais actividades levadas a cabo, destacan os teléfonos de atención 24 horas ou un dispositivo de atención por psicólogos da entidade, entre outras.

Así mesmo, Mouriño fixo referencia a situacións que "sufriron maior impacto" durante a pandemia. A fenda dixital "aumentou" e converteuse " nun factor de illamento", unha soidade que afectou, sobre todo, a persoas maiores.

Ademais, as persoas sen fogar viron na crise da covid-19 unha "preocupación engadida", xa que dificultou ou imposibilitou "o acceso a espazos de hixiene". A maiores, declarou que a franxa de idade axudada "máis importante" foi a xente comprendida entre os 35 e 49 anos--un 28,55%--.

Por outra banda, as principais prioridades de Cáritas foron o mantemento de apoio a familias coas que xa traballaban e "cuxa situación se agravou"; así como acompañar a persoas que na crise de 2008 acudiran por primeira vez á institución e que, nun momento dado, puideron prescindir dos seus servizos pero que, pola situación actual, "tiveron que volver necesitar axuda".

Tamén apuntaron á necesidade de adaptar a acción do voluntariado e as persoas contratadas "á nova situación imposta". Así, "un 36% do voluntariado de Cáritas cambiou a súa actividade principal", declara Mouriño.

En canto a datos sobre os grupos cos que traballaron, as minorías representaron un total de 6.585 actuacións relacionadas coas necesidades básicas e fundamentais. As accións familiares, incluíndo a infancia e mocidade, foi desenvolvida sobre 1.434 persoas, mentres que os maiores e dependentes atendidos foron 621 e as persoas sen fogar 1.329.

Os gastos en Atención Primaria incrementáronse un 14% con respecto ao 2019; nos maiores, un 12%; para Formación e Emprego, un 8%; en canto a programa específicos de muller, un 4%; para as persoas sen fogar, un 10%.

SECTORES PREOCUPANTES EN SITUACIÓN DE VULNERABILIDADE

O director de Cáritas en Compostela resaltou que o grupo de persoas que tivo que volver acudir aos seus servizos durante a pandemia é "a imaxe máis representativa desta crise", casos "máis crueis" aos que lles dan "unha importancia especial". Ademais, asegurou que "non mente" ao dicir que, aproximadamente, un 20 ou 30% das persoas tiveron que volver recorrer a Cáritas.

Tamén lembrou a "vergoña" que moita xente sofre por ter que pedirlles axuda. Neste sentido, asegura que gastan "moito en formación" para que a xente "non teña que baixar a cabeza".

Ademais deste sector da poboación, Mouriño fixo referencia "ás persoas sen papeis", xa que algunhas están "sobreexplotadas" e o non ter documentación ten como consecuencia que non poidan "recibir ningunha axuda".

Por outra banda, o director tamén apuntou á atención ás vítimas da trata de persoas e a dificultade que supuxo a crise sanitaria para contactar con estas mulleres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta