O Goberno central prevé que toda Galicia teña acceso a redes de conectividade dixital de alta velocidade en 2025

Un proxecto piloto aborda a aplicación do 5G en sistemas de vixilancia, loxística e soporte remoto na comunidade

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/06/2021 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

O secretario de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Roberto Sánchez, avanzou que o Goberno prevé que o plan de recuperación permitirá que toda Galicia conte con acceso a redes de conectividade dixital de alta velocidade en 2025. Así o trasladou nun encontro mantido este mércores con representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na Coruña, onde detallou os plans do Executivo central para estender a conectividade ao 100% da poboación e acelerar o despregamento de redes e servizos 5G, segundo explicou a Delegación do Goberno en Galicia.

O delegado do goberno en Galicia, a directora de Amtega, o secretario de Estado de Telecomunicacións, a directora xeral de Fundación Orange, o director do Plan Nacional 5G, o general manager de Optar Solutions e o CEO de Cinfo. ORANGE
O delegado do goberno en Galicia, a directora de Amtega, o secretario de Estado de Telecomunicacións, a directora xeral de Fundación Orange, o director do Plan Nacional 5G, o general manager de Optar Solutions e o CEO de Cinfo. ORANGE | Fonte: Europa Press

"En 2025 non quedará poboación en Galicia que non teña acceso a redes de alta velocidade", asegurou Roberto Sánchez. Deste xeito, apuntou que este obxectivo se enmarca na estratexia do Goberno para afrontar o Reto Demográfico e desenvólvese mediante o Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais e a Estratexia de Impulso á tecnoloxía 5G.

Ademais, resaltou que o Programa de Extensión de Banda Ancha (PEBA-NGA) en Galicia permitiu aumentar en 32 puntos a cobertura a 30 megabits por segundo entre 2018 e 2020 ata o 95,07%, unha cifra similar á cobertura dixital do resto de España a esta velocidade, que alcanza o 95,19%.

Neste sentido, lembrou que a cobertura a 100 megabits por segundo en Galicia situábase no 59% en 2017 e avanzou que, tras a finalización dos proxectos en execución, estímase que en 2022 a cobertura de redes fixas a velocidades maiores ou iguais a 100 alcanzará ao 83,67% da poboación.

PROXECTO PILOTO

Por outra banda, o secretario de Estado asistiu en Santiago á presentación dun proxecto piloto realizado en Galicia que aborda a aplicación do 5G en sistemas de vixilancia, loxística e soportes remotos para a recepción de instrucións e controis de procesos en plantas de produción, entre outros

As iniciativas enmarcadas neste proxecto, que leva a cabo unha unión temporal de empresas entre Orange, Gammera Nest, Cinfo e Optar Solutions e que conta con financiamento de Rede.es no marco do Plan Nacional 5G, atópanse en marcha.

Dentro da iniciativa presentada, levan a cabo 13 proxectos, cun investimento de máis de 9 millóns de euros, e das que nove se realizan na provincia de Pontevedra, dúas na de Lugo, unha na Coruña e outra en Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta