Tres mozos mortos de 18,19 e 24 anos e unha muller grave nun accidente en Caldas de Reis

O mozo que conducía o coche non tiña carné e saltouse un stop.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 10:15

Comparte esta noticia

Tres mozos de 18, 19 e 24 anos de idade faleceron nun accidente de tráfico rexistrado na noite deste mércores ao chocar o turismo no que circulaban e un camión no municipio de Caldas de Reis (Pontevedra).

Segundo os datos facilitados pola Garda Civil a Europa Press, este sinistro tivo lugar sobre as 23,20 horas deste mércores no quilómetro 222 da estrada N-640 ao seu paso por Caldas. Tratouse dunha colisión frontolateral dun camión frigorífico cun turismo no que viaxaban o tres mozos falecidos, indicaron as mesmas fontes.

As vítimas son o condutor do turismo, un home de 19 anos veciño de Moraña; a copiloto, unha moza de 18 anos de Vilagarcía de Arousa; e outro home de 24 anos veciño de Caldas de Reis, que ía na parte de atrás do vehículo.

Pola súa banda, o condutor do camión saíu ferido leve e o seu acompañante, unha muller que saíu despedida do vehículo, resultou ferida grave, aseguraron as mesmas fontes.

Ao condutor do camión practicáronselle as probas de alcoholemia e drogas nas que arroxou resultado negativo. A Garda Civil investiga as causas deste sinistro mortal. Ademais da Garda Civil de Tráfico, foron mobilizados os servizos sanitarios e os Bombeiros do Salnés, que excarceraron ao tres vítimas do interior do vehículo; así como a Policía Local e Protección Civil.

Un vehículo da Garda Civil desprazado ao lugar dun accidente. GARDA CIVIL
Un vehículo da Garda Civil desprazado ao lugar dun accidente. GARDA CIVIL

SALTOU UN STOP

O mozo condutor  carecía de carné de conducir e a investigación apunta a que posiblemente se saltou un stop antes de chocar cun camión. Así o informaron a Europa Press fontes próximas á investigación, que confirmaron que o veciño de 19 anos de Moraña que conducía o turismo carecía de permiso de condución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta