Case 50 millóns de euros para unha autovía "innecesaria" e que podería ameazar especies protexidas

O ecoloxismo galego carga contra a ampliación da AG-59 entre Teo e A Estrada defendendo, entre outras cuestións, que a vía convencional non está colapsada.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2021 | Actualizada ás 09:25

Comparte esta noticia

A ampliación da autovía AG-59 entre Teo e A Estrada vén de xerar, nos últimos meses, un forte rexeitamento da man das principais asociacións ecoloxistas galegas; que, varios meses despois de ter presentado alegacións ante a Xunta para tentar botar atrás o proxecto, séguense a mobilizar contra el a conta dos perigos que, segundo apuntan, supoñería esta nova infraestrutura para os hábitats e especies da zona. 

Autovía do Morrazo
Autovía do Morrazo | Fonte: © Miguel Núñez.

A problemática desta AG-59 proxectada para unir a área de Santiago coa Estrada viría dada porque o trazado disposto implicaría construír sobre o espazo natural Sistema Fluvial Ulla-Deza, que segundo teñen apuntado plataformas como ADEGA é Zona de Especial Conservación. Esta asociación, de feito, xa presentou no pasado mes de xaneiro alegacións a un proxecto que podería supoñer risco de desaparición para as especies da área.

A regulación galega obriga a que, á hora de desenvolver unha infraestrutura desta natureza, o informe de impacto ambiental elaborado teña en conta todas as posibles afectacións derivadas do proxecto. A problemática estaría en que, como xa denunciou tamén ADEGA, os estudos elaborados para este proxecto deixarían no tinteiro un bo número de especies animais na contorna, circunstancia que podería levar á súa suspensión.

PROXECTO "INNECESARIO"

Na mesma liña se vén de manifestar Ecoloxistas en Acción, que asegura que a  ampliación da autovía AG-59 “contribuirá á crise climática e deteriorará o espazo natural Sistema Fluvial Ulla-Deza”. Ecoloxistas en Acción, que forma parte da plataforma Stop ampliación AG-59, oponse á construción deste novo treito de 7,5 por consideralo “prexudicial para o clima e o territorio” pero tamén “innecesario”.

E é que, segundo apuntan dende a mesma plataforma, o tráfico na estrada convencional correspondente “non chega nin ao limiar marcado pola propia Xunta” para iniciar a apertura de vías alternativas, polo que, explican dende Ecoloxistas, á parte do seu impacto ecolóxico “suporía un malgasto de 48 millóns de euros en plena emerxencia sanitaria”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta