A mineira de Casalonga denuncia o "boicot" do Concello de Teo: "houbo manipulacións e ilegalidades"

A empresa Toysal contraataca acusando ao consistorio de ter ollado para outro lado ante o "desastre ambiental" do anterior explotador da mina.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Novo episodio na polémica pola mina de Casalonga, en Teo, unha antiga explotación que a empresa Toysal leva máis dun ano tentando reabrir ante a oposición do alcalde e boa parte da veciñanza. A Xunta asegurou semanas atrás que seguía a estudar o derradeiro proxecto presentado pola empresa en maio de 2020, logo de ter achegado outros dous que foron rexeitados.

Parte da canteira de Casalonga
Parte da canteira de Casalonga | Fonte: teo.gal

No medio dun agudo conflito entre veciñanza --que acusa á Xunta de connivencia coa empresa-- e a promotora do proxecto, vén de ser esta a última en dar unha estocada para denunciar “ilegalidades e manipulacións” a respecto dun proceso sobre o cal, por outro lado, pretende botar claridade para poñer as cartas sobre a mesa sobre as intencións de Toysal. 

A empresa denuncia, deste xeito, que unha serie de cuestións arredor do proxecto mineiro impulsado estarían a ser “tersiverxadas” de forma intencionada, á parte de dicirse vítimas dunha “sabotaxe” e un “boicot” artellado para impedir o funcionamento dos seus proxectos, aínda despois de ter conseguido luz verde da Xunta en 2018 para recoller os dereitos mineiros da zona. 

“A única actividade pretendida por TOCA SALGADO, S.L. na Casalonga, unha vez que desistiu de aproveitar o oco mineiro para a actividade de valorización de residuos é reactivar a explotación mineira”, subliñan dende a empresa. Aínda así, explican que foron incapaces de logralo porque “desde a adquisición da mina”  sofre “ataques infundados acerca dos seus intereses na zona e dun boicot constante e coordinado para evitar o inicio da súa actividade”.

GOLPE AO CONCELLO

Neste aspecto, a empresa carga tamén con forza con o Concello de Teo, un dos seus principais opositores, ao que acusa de ter ollado para outro lado cando a empresa que detentaba anteriormente os dereitos sobre a mina “desenvolvía unha actividade ilegal de entulleira nas parcelas lindeiras”. Porén, e segundo subliñan, “non é ata 15 anos despois, o 23 de xuño de 2020, cando a Concellería de Urbanismo dese mesmo Concello exerce por fin as súas competencias e dita unha resolución pola que se acorda o cesamento inmediato desta actividade ilícita”.

Por riba, e sempre segundo a versión da empresa, o consistorio de Teo tería botado man dese “desastre ambiental” vertendo alí “toneladas de residuos, como consta na memoria anual presentada pola compañía. “Dada a situación e a sucesión de acontecementos, non se comprende a motivación actual dos diferentes axentes sociais e políticos e por que neses quince anos non se mobilizaron en contra da entulleira ilegal co que levan convivindo tanto tempo e si actúen de forma virulenta contra a empresa”, conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta