(Vídeo) O PP nega a fragmentación de parques eólicos a pesar da sentenza do TSXG que di o contrario

PP, BNG, PSdeG e Anova debateron sobre a problemática eólica nun acto de Adega dispoñible na rede.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/06/2021 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

A cuestión eólica segue gañando forza en Galicia. A poucos días da que se agarda será a primeira gran manifestación contra un negocio sobre o que pende a sombra da fragmentación irregular e a permisividade da administración autonómica, Adega vén de lanzar o primeiro cara a cara no que as principais forzas políticas de Galicia confrontaron as súas posturas sobre tan espiñenta cuestión.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo | Fonte: DAVID CABEZÓN - XUNTA DE GALICIA.

O encontro tivo lugar no marco da derradeira mesa redonda do ciclo “Proxectos eólicos e os seus impactos na Galiza” e contou coa participación de forzas políticas con representación nas institucións galegas. Así, o debate, que pode ser consultado íntegro na canle de Youtube da plataforma, contou coas intervencións da ‘popular’ Marta Novoa, Noa Presas (BNG), Pablo Arangüena (PSOE) e Antón Sánchez (Anova).

As olladas quedaron centradas na representante do PP, xa que é se sinala ao goberno da Xunta de Galicia o principal responsable da actual proliferación de proxectos eólicos. Novoa, destacan dende Adega, quixo relativizar a situación, destacando que o inicio de rexistro e tramitación dun proxecto eólico “non significa que sexa viable e polo tanto se vaia aprobar”

FRAGMENTACIÓN "IRREGULAR"

Á vez, a representante do PP asegurou que tanto a nivel estatal como autonómico existe un marco legal “garantista” para a boa avaliación, tamén ambiental, dos macroparques eólicos, polo que “non habería que paralizalos antes de tramitalos”. Negou tamén que a Xunta fragmente parques, indicando que se estudan as instalacións eólicas ata nun rango de 15 quilómetros.

Porén, o pasado mes de novembro TSXG decidiu suspender un parque de Norvento que fora aprobado pola Xunta e, de feito, estaba xa funcionado, a raíz desa mesma fragmentación irregular que agora nega a representante 'popular'. Dende o ecoloxismo galego xa insistiron en ocasións anteriores que o proceso empregado no parque condenado é paralelo ao propio de moitos outros macroproxectos fragmentados de forma supostamente "irregular".  A Xunta anunciou, meses atrás, que recorrería contra a decisión do alto tribunal galego.

O resto do debate decorreu ante cuestións como a demanda social dunha moratoria dos proxectos actualmente tramitados ou os casos de posibles portas xiratorias, como a sonada contratación de Bea Mato --exconselleira de Medio Ambiente-- a mans de Greenalia, que nestes días acumula boa parte da tarta no negocio eólico.

PSdeG, ANOVA e BNG

Arangüena subliñou o compromiso do PSdeG coas renovables pero optou por impulsar un novo modelo eólico para Galicia con máis fincapé na “ordenación” do territorio para “ralentizar” a instalación, minimizar o impacto ambiental e social e maximizar o beneficio no territorio e nas comunidades afectadas

De xeito paralelo, Antón Sánchez sinalou a ausencia dunha planificación enerxética como a causante dunha situación de “barra libre ás eólicas” que trae impactos para todas e beneficios para unha elite empresarial da que forman parte bancos, das construtoras, dos fondos voitre pero non da cidadanía. 

Noa Presas, pola súa banda, tratou a vaga eólica como un “problema de país” no que “Galiza ten pouca capacidade de decisión xa que a Xunta achairou o camiño e puxo unha alfombra vermella ao sector eólico”, grazas ás Leis de Depredación e Reactivación económica. Podes consultar o debate íntegro no vídeo seguinte.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta