Arrinca a exposición 'Nova York Amarga' no CGAC

Presenta unha reconstrución do que "tería sido un dos libros máis importantes" de Cela.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 03/06/2021 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle desde este xoves a exposición 'Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nova York Amarga', que presenta unha reconstrución do que "tería sido un dos libros máis importantes" do autor galego, como asegurou o patrón pola Xunta de Galicia da Fundación Camilo José Cela e catedrático na universidade de Barcelona, Adolfo Sotelo Vázquez.

Presentación da exposición 'Nova York amarga'
Presentación da exposición 'Nova York amarga' | Fonte: Europa Press

Xunto a el, estiveron tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director do CGAC, Santiago Olmo, para expor os cinco textos que compoñen tres capítulos --dos 28 totais aos que Cela puxera título nun índice-- aos que se adhiren unha serie de fotografías enviadas por Fontserè a Cela sobre a cidade de Nova York. A exhibición foi coordinada polo CGAC e a Fundación Camilo José Cela e aprazouse en novembro do ano 2020 debido á situación sanitaria.

"O que expomos nesta exposición é reconstruír esa armazón e ese proxecto que quedou inconcluso", afirmou Santiago Olmo. Desta maneira, na exposición aparecen manuscritos, transcricións dos textos realizadas por Adolfo Sotelo e fotografías de cada capítulo escollidas no seu momento por Cela, ademais doutros materiais como documentos, libros e a extensa bibliografía de Carles Fontserè, o que é definido por Olmo como "o personaxe central da exposición".

Neste sentido, Sotelo Vázquez asegurou que os textos de Cela son "importantes" pero non "do valor das fotografías de Fontserè". Desta maneira, o catedrático resaltou o "espléndido discurso da imaxe" do cartelista, que fotografou a cidade de Nova York a mediados dos anos 60.

Pola súa banda, Anxo Lorenzo destacou o "legado fóra de serie" que deixou Camilo José Cela, un legado "documental, artístico, fotográfico" que buscan "pór de relevancia" a través da mostra, así como o feito de que o escritor "sempre quixo" que este legado permanecese en Padrón, a súa cidade natal. Tamén quixo agradecer "as facilidades postas pola Fundación Fontserè", que cederon parte do material para a exposición.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta