Cita coa poesía en Allariz

Este sábado, 5 de maio, volve o ‘Ponme un Poema!’, actividade que chega á súa VIII edición e que este ano celebrarase no recinto do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, dedicado á poesía.

Por X.M. Fernández | Allariz | 04/06/2021 | Actualizada ás 09:45

Comparte esta noticia

No espazo habilitado para o desenvolvemento do evento haberá cadeiras con mesiñas, a xeito dunha gran terraza para poder gozar da poesía e da música recreando o ambiente dun bar, degustando as maridaxes ofrecidas polo establecemento Fío de Liño ou simplemente tomándolle algo.

Cartel do evento
Cartel do evento

O comezo será ás 20:00 h. coa palabra poética de Celso Fernández Sanmartín, poeta e coñecido narrador oral, que trae para a ocasión poemas do seu libro ‘Libro para a casa dos avós de Noelia de Alperiz’, “un libro que ama o abandono dunha casa que me foi presentada para ser anovada desde fóra e por dentro”, segundo expresa o propio poeta. Este libro naceu co obxectivo altruísta de axudar á reconstrución da casa dos avós dunha amiga.

A continuación haberá un concerto de Tinta imaxinaria, un dúo formado pola coñecida regueifeira e poeta Alba María e o guitarrista Queco Díaz. Trátase dun espectáculo que combina dun xeito sorprendente e orixinal como poucos a música, a poesía e a palabra improvisada a partir de libros abertos ao chou, palabras que o público pode propoñer ou estímulos do contexto inmediato.

A organización corre a cargo da Fundación Vicente Risco e colaboran, ademais do Concello de Allariz, diferentes establecementos da vila. A entrada é de balde pero prégase reservar no correo poemagosto@gmail.com ou a través do teléfono 626033867

ÉXITO DE VISITAS NA ARRINCADA DO FESTIVAL DE XARDÍNS

Museo do Coiro en Allariz. Foto: XMF  Río Arnoia
Museo do Coiro en Allariz. Foto: XMF Río Arnoia | Fonte: XM Fdez

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, nos seus primeiros 15 días de apertura ao público, recibiu a visita de case 4000 persoas que se achegaron a coñecer os Xardíns da Poesía.

Logo do parón do 2020, o recinto abría as portas ao público para que coñeceran os deseños dos 10 xardíns que concursarán durante esta edición de 2021. A poesía respírase nos 37.000 m2 do espazo, no que se poderá gozar de xardíns nos que autores e autoras coma Rosalía de Castro, Fernando Pessoa, Machado, Lorca, Xela Arias ou Giacomo da Lentini están representados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta