Oito drones, aéreos e submarinos, reforzarán o labor do Servizo de Gardacostas

Os drones permitirán detectar manchas de contaminación mariña, defectos das embarcacións nos portos e loitar contra o furtivismo.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/06/2021 | Actualizada ás 12:37

Comparte esta noticia

Un total de oito drones aéreos e submarinos reforzarán o labor do Servizo de Gardacostas, segundo informou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto ao subdirector do citado servizo, Liño Sexto, ao asistir a unha demostración no porto da Coruña.

Segundo explicou a conselleira, os drones axudan nas tarefas de salvamento e permiten detectar manchas de contaminación mariña, defectos das embarcacións nos portos ou localizar aparellos que se están utilizando en zonas vedadas ou mal sinalizadas.

Son catro drones aéreos e catro submarinos, que estarán na base da Coruña, na base de Vigo, nos servizos centrais e na Paio Gómez Chariño, unha embarcación de gran tamaño que se despraza por todo o litoral. "Esta embarcación será substituída por unha nova de 40 metros de eslora chamada Mar de Galicia", avanzou.

Os drones submarinos terán a capacidade de baixar ata 200 metros de profundidade e pasar a visión á cámara dun teléfono móbil para poder ver se hai algún defecto nos barcos que están nun pantalán, se hai algunha mancha de contaminación ou aparellos mal calados.

Rosa Quintana afirmou que Galicia é "a única comunidade cun sistema así", que pon, dixo, ao servizo do Estado no salvamento marítimo e na loita contra a contaminación. Tamén fixo mención á nova embarcación deste servizo, a Punta Seixo Branco que, xunto a outro tres máis, serviron para reforzar todo o servizo náutico. A iso, sumou a incorporación de 25 vehículos todoterreos para facilitar o tránsito por estradas.

LOITA CONTRA O FURTIVISMO

Rosa Quintana, a preguntas dos xornalistas, referiuse, por outra banda, ás queixas polo furtivismo dos traballadores da zona da Coruña. A conselleira explicou que están en contacto e que xunto ás autoridades "fan todo o posible para erradicar o furtivismo".

"Galicia ten máis de 1.500 quilómetros cadrados de costa e resulta complicado estar en todos os sitios a todas as horas", explicou Quintana, que pediu á cidadanía "apoio ante un tema de responsabilidade social".

Ademais, afirmou que consumir produtos furtivos "prexudica a biodiversidade, prexudica a un sector profesional e pon en risco a saúde do consumidor". Por iso, fixo un chamamento á cidadanía para que haxa un "compromiso e responsabilidade" para non adquirir este tipo de produtos.

Pesca.- Rescatado por un helicóptero un pescador que caeu nunha zona de rocas en Fisterra (A Coruña). SALVAMENTO MARÍTIMO
Pesca.- Rescatado por un helicóptero un pescador que caeu nunha zona de rocas en Fisterra (A Coruña). SALVAMENTO MARÍTIMO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta