A área sanitaria de Santiago dótase dun sistema pioneiro de reprocesamento de endoscopios

O xefe de servizo de Aparello Dixestivo, Enrique Domínguez, remarca que este proxecto resulta "absolutamente novo" e "supón un paso enorme no manexo dos endoscopios usados nos pacientes"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2021 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A área sanitaria de Santiago e Barbanza dotouse dun sistema pioneiro en España de reprocesamento de endoscopios, un novo circuíto integral altamente automatizado que permite unha separación radical das zonas de limpo e sucio.

Deste xeito, a unidade de endoscopias desta área sanitaria será a primeira de España que contará con esta tecnoloxía de modo completo, segundo explicou o Sergas. Así, a posta en marcha dunha nova área de reprocesamento diminuirá o tempo de tratamento e garantirá a asepsia e a rastrexabilidade do material empregado nas máis de 22.000 endoscopias realizadas ao ano.

Precisamente, o seguimento do material favorecerá a seguridade dos pacientes ante a detección de xermes resistentes en contornas hospitalarias.

O novo sistema de lavado, esterilización, secado, conservación e rastrexabilidade de endoscopios está situado en dúas salas contiguas, unha de limpo e unha de sucio, que se comunican de modo interno por lavadoras de dobre porta.

Así, na sala de sucio prepárase o material tras a súa utilización para pasarse ás lavadoras. Despois do proceso de desinfección e esterilización, recóllese o material e sécase e almacena na sala contigua.

Nunha visita á nova área, o xefe de servizo de Aparello Dixestivo da área sanitaria, Enrique Domínguez, remarcou que este proxecto resulta "absolutamente novo" e "supón un paso enorme no manexo dos endoscopios usados nos pacientes", así como un nivel de asepsia "no que non pode haber o máis mínimo erro porque o propio sistema non o permite".

Así mesmo, a xerente da área sanitaria, Eloína Núñez, resaltou a "indubidable calidade asistencial do servizo de Dixestivo" e comprometeu a posta en marcha de "proxectos innovadores e claramente beneficiosos para a seguridade dos pacientes e o benestar dos traballadores".

Enrique Domíguez, Eloina Núñez, María José López Rebollo e Julio Iglesias nunha visita á nova unidade. SERGAS
Enrique Domíguez, Eloina Núñez, María José López Rebollo e Julio Iglesias nunha visita á nova unidade. SERGAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta