Enerxía pública e galega

Enerxía pública e galega, porque o modelo actual é exemplo de depredación oligopólica e explotación colonial.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 06/06/2021

Comparte esta noticia

Hai pouco máis dun mes escrebía nestas páxinas o artigo “Artellarmos outra produción eólica”  no que advertía da enxurrada de proxectos que queren aproveitar as nosas óptimas condicións para a produción enerxética eólica sen respectar a lexislación ambiental nin de patrimonio cultural e sen compensar aos propietarios privados e comunais  e aos concellos produtores. Advertía dun esquema colonial que quería facer de Galicia celeiro enerxético do Estado mesmo sen participar no desenvolvemento industrial do sector.

Recurso de electricidade, postes eléctricos. REDE ELÉCTRICA DE ESPAÑA (REE) - Arquivo
Recurso de electricidade, postes eléctricos. REDE ELÉCTRICA DE ESPAÑA (REE) - Arquivo

Voltamos tirar deste fío e tentamos albiscar o problema da enerxía  na súa globalidade, produtiva e de consumo, xusto a poucos días de se implantar unha nova tarifa que penaliza nomeadamente ás familias, á hostalería e aos produtores leiteiros galegos, até con incrementos na factura dun 30%.

A enerxía eléctrica é un recurso esencial e un produto de primeira necesidade para a vida humana e económica. Xa que logo, o IVE ha de se reducir do 21% actual ao tipo máis baixo vixente doi 4%, como rexe en case toda Europa, mentres se suprime para evitar unha  dupla imposición o seu  Imposto especial.

 Ademáis, a enerxía ha ser un recurso público, o que obrigará a que os operadores privados se subordinen ao interese público e abrirá a posibilidade real (non a obrigatoridade) de que a Xunta e as Administracións locais poidan desenvolver  operadores enerxéticos públicos. E para o interese público é esencial reducir os custos do transporte, polo que o os territorios haberían tender á autosuficiencia enerxética, como defende a asociación galega de consumidores ACOUGA. O que obrigaría moito menos  a deseñar macroparques eólicos terrestres e mariños e máis a aproveitar a optimización da teconoloxía nos últimos tempos e inzar Galicia e todo o Estado de placas para aproveitamentos  fotovoltaicos e termosolares nos edificios públicos, naves industriais e establecementos comerciais e vivendas unifamiliares e comunitarias. Velaí o exemplo da recente instalación de máis de 650 kw en 11 naves industriais no Novo Milladoiro-Ames,  polo Grupo Vagalume Enerxía e Santiago Sur.

E, na lóxica de fomentar a autosuficiencia enerxética e reducir substancialmente o transporte, que é un dos principais factores do encarecemento da factura eléctrica,  cómpre un reprantexamento global tanto dos retornos que a produción enerxética ha de lle xerar a Galicia como país, aos seus concellos produtores e aos propietarios privados e comunais como na compensación tarifaria que os consumidores domésticos e empresariais galegos haberíamos desfrutar polos custos ambientais e económicos que padecemos por mor dunha sobreprodución enerxética destinada a outros territorios, nomeadamente á rexión madrileña, que consume enerxía a eito sen producila.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.