Caballero urxe ao conselleiro de Cultura a explicar "que fallou" na candidatura da Ribeira Sacra

O PSdeG advirte que "desde hai seis semanas" a Xunta ten á súa disposición 14.500 computadores para escolares que non cedeu.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2021 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou a comparecencia ante o Parlamento de Galicia do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para explicar "que fallou" na elaboración da candidatura da Ribeira Sacar para ser declarada Patrimonio da Humanidade e que foi retirada tras un informe negativo sobre a proposta do Incomos, órgano asesor da Unesco.

Así o indicou o responsable socialista nunha rolda de prensa celebrada na mañá deste luns na Cámara galega, onde Caballero tamén demandou ao departamento de Educación, englobado na carteira que dirixe Román Rodríguez, que facilite a entrega dos 14.500 computadores que, segundo o líder do PSdeG, o Goberno central entregou "hai seis semanas" á Xunta para mellorar a conectividade do alumnado galego ás novas tecnoloxías.

"Eses computadores deben estar nas mans das familias e os alumnos para que non sufran a exclusión tecnolóxica", incidiu Caballero, que instou á Administración autonómica a ser "eficiente" con esta partida de equipos informáticos cofinaciado entre o Goberno central a través de 'Rede.es' e a propia Xunta.

Gonzalo Caballero tamén volveu a reclamar ao Executivo galego que "poña en mans dos autónomos e as pemes de Galicia" os 234 millóns de euros transferidos á comunidade autónoma desde o Estado para a concesión de axudas directas orientadas a paliar os efectos da pandemia.

"Non pode seguir pasando o tempo sen que poñan ese diñeiro nos petos de quen tan mal o está pasando nesta crise. Cada día que pasa sen que se transfira ese diñeiro é un día no que se atrasa a reactivación e a supervivencia do tecido produtivo do país", aseverou o secretario xeral dos socialistas galegos.

En definitiva, Caballero cre que "Galicia non pode estar á espera dunha Xunta que non exerce" e que "garda" partidas e accións que proceden de programas da Administración central. "Non pode ser que a Xunta tarde tanto en dar resposta aos problemas do tecido produtivo, da sanidade ou da educación", apostilou.

RIBEIRA SACRA

Ademais, Caballero reclama a Román Rodríguez que acuda ao Pazo do Hórreo a explicar as razóns que están detrás da retirada da candidatura da Ribeira Sacra a converterse en Patrimonio Mundial da Unesco.

Para o socialista, o responsable de Cultura debe explicar esta decisión, acordada entre a Xunta e o Estado a pasada semana tras o informe desfavorable do Icomos, que puxo en cuestión determinados puntos da proposta, como o impacto dos encoros na zona ou a sacralización do territorio despois da desamortización.

Caballero tachou de "fracaso colectivo" o paso atrás da candidatura tras "anos dun presidente galego (Alberto Núñez Feijóo) anunciando que a Ribeira Sacra ía ser Patrimonio da Humanidade".

Por tanto, cre que a Xunta debe arroxar luz ante este "xerro de auga fría" e aclarar que aspectos "fallaron" para telos en conta á hora da reconfiguración da candidatura de Ribeira Sacra ou doutras, como o Parque das Illas Atlánticas.

Gonzalo Caballero (PSdeG) en rolda de prensa no Parlamento galego. PSDEG
Gonzalo Caballero (PSdeG) en rolda de prensa no Parlamento galego. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta