G. Caballero non ve "adecuado" que edís de Santa Comba dean a alcaldía ao PP

Di "entendelos" a nivel persoal por sentirse "asoballados" polo actual rexedor.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2021 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, recoñeceu que entende "no persoal" aos edís socialistas do concello coruñés de Santa Comba que asinaron unha moción de censura que entregaría a alcaldía ao PP, unha "solución política" que, en todo caso, a cabeza do Partido Socialista en Galicia "non ve adecuada".

A preguntas dos medios este luns nunha rolda de prensa celebrada no Parlamento de Galicia, Caballero manifestou que a de Santa Comba é unha "situación extraordinaria" ao romperse o acordo entre PSOE e o único representante no consistorio de Compromiso por Galicia, David Barbeira, para que este último se fixera co bastón de mando a cambio de cedelo a metade de mandato.

Ante a negativa a dar a substitución do alcalde, os socialistas prestaron o seu apoio á moción de censura rexistrada polo PP para facer alcaldesa á popular María José Pose, un movemento que Caballero di comprender desde o punto de vista ""persoal" pero non político. "En clave persoal entendo que os compañeiros de Santa Comba se sintan asoballados. En clave política, o PSOE non o pode apoiar", incidiu Caballero en referencia a que o apoio de edís socialistas supoña entregar a alcaldía ao Partido Popular.

En todo caso, sinalou que a posibilidade de abrir un expediente aos edís "está en mans" das secretarías de organización a nivel provincial e nacional, que "aplicarán as normas do partido" establecidas nos estatutos e o regulamento federal. Por último, puxo o acento en que "a orixe" do conflito "non está" en Partido Socialista, senón que correponde á "ruptura" do acordo de goberno por parte do rexedor de Santa Comba por "querer aferrarse a unha alcaldía que non lle corresponde".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. SANTIAGO
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta