A segunda selectividade da pandemia arrinca en Galicia con textos sobre a 'Revolución Gloriosa' ou o franquismo

O bo funcionamento do dispositivo evidencia as leccións da pandemia, con entradas ordenadas e estrito cumprimento das medidas.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/06/2021 | Actualizada ás 15:17

Comparte esta noticia

Galicia acolleu este martes o arranque da segunda selectividade da pandemia sanitaria. Unha xornada sen incidencias, de absoluta tranquilidade e marcada polo bo funcionamento do dispositivo de seguridade, na que os mozos puxeron a proba os seus coñecementos históricos con textos sobre o franquismo ou a 'Revolución Gloriosa', as súas habilidades de comprensión lectora ou de análise literaria.

Unha examinadora mostra un dos exames de selectividade, antes de dar comezo a proba nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela
Unha examinadora mostra un dos exames de selectividade, antes de dar comezo a proba nunha aula da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press.

O coñecemento do alumnado das medidas básicas de seguridade individual e colectiva, tras a experiencia vivida este último curso, facilitou o bo desenvolvemento do arranque dos exames, para os que a Comisión Interuniversitaria de Galicia mantivo gran parte do dispositivo despregado na ABAU do ano 2020, pero perfilado e adaptado ao avance científico e o estudo do propio virus.

Preto de 13.200 estudantes examinaranse ao longo desta semana, unha cifra inferior á do pasado exercicio pero que segue moi por enriba dos números habituais que se rexistran nas probas de acceso á universidade da comunidade galega. Un persoal de preto de 800 profesionais están a cargo da vixilancia e da organización deste tres días de exames.

A xornada arrincou ás 09.00 horas coa tradicional presentación e xa entón o persoal encargado de vixiar o dispositivo puido constatar o gran coñecemento dos protocolos e das medidas por parte dos mozos, segundo destacou Pedro Armas, presidente da Comisión Interuniversitaria de Galicia.

"No ambiente notouse a aprendizaxe da pandemia. Notouse moitísimo na entrada ordenada, graduada... Os alumnos veñen moi aleccionados e aos poucos minutos xa os tiñamos a todos colocados na aula", asegurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta