As temperaturas nocturnas máis alá dos 20 graos incrementan a mortalidade no sur de Europa

Incrementaron a mortalidade nun 26% en Madrid, un 14%, en Bilbao, un 13% en Sevilla e un 5% en Barcelona segundo un estudo feito desde a USC.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/06/2021 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

A calor nocturna excesivo e a duración das noites con elevadas temperaturas constitúen "unha causa directa de mortalidade". Así o conclúe un estudo internacional coordinado polo investigador da USC Dominic Royé e no que por vez primeira se aborda o influxo destas variables na mortalidade do sur de Europa.

A investigación publicada na revista Epidemiology recolle datos de 11 cidades situadas en España, Portugal, Francia e Italia. No caso español, o estudo detecta que entre os anos 2001 e 2014, as elevadas temperaturas nocturnas incrementaron a mortalidade nun 26% en Madrid; un 14%, en Bilbao; un 13%, en Sevilla; e un 6%, en Barcelona.

"O impacto da contorna térmica sobre a saúde, a calidade de vida e o rendemento das persoas é un dos problemas de saúde pública vinculados ao cambio climático global, máis delicado", explica Dominic Royé.

As altas temperaturas nocturnas poden producir "tensión térmica prolongada", o que se ve agravado "ao impedir que o corpo humano descanse durante a noite", engade. Os aspectos nos que máis inciden as noites calorosas son o soño e o descanso. Deste xeito, Royé sinala que "a calor pode provocar alteración e privación do soño debido aos procesos necesarios de termorregulación".

EVIDENCIAS

O estudo atopou evidencias de que a mortalidade diaria está asociada a temperaturas nocturnas calorosas que superan os 20ºC e, en menor medida, á duración desas noites calorosas en todos os países analizados. "É importante resaltar que o efecto nocturno sobre a mortalidade é independente das temperaturas diúrnas", explican os investigadores. En concreto, demostrouse que os valores altos de noite calorosa están asociados a un aumento da mortalidade por causa específica.

O maior risco observouse en Portugal, cun aumento da mortalidade do 37% en noites de excesiva temperatura, mentres que o menor risco se produce en Francia cun 12%. Os investigadores detectaron un incremento do 17% en cidades como Niza e do 19%, en Toulouse.

Os resultados relativos ao influxo da duración da noite calorosa revelaron que só Portugal incrementa o risco de mortalidade nun 29%. No entanto, a variable da duración incrementou a mortalidade nun 7%, en Roma; nun 8%, en Barcelona; e nun 12%, en Madrid.

Os resultados deste estudo proporcionan "unha mellor comprensión da saúde nocturna" e poden axudar a mellorar os sistemas de alerta de onda de calor a nivel da poboación, ademais de considerar factores de risco individuais, explica a tese.

Arquivo - Termómetro marcando altas temperaturas no verán, calor. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - Termómetro marcando altas temperaturas no verán, calor. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta