O Platerga non se activa en lumes urbanos segundo a Xunta tras a polémica polo incendio de Sigüeiro

O goberno galego saíu ao paso para aclarar que o Platerga "actívase ante grandes incendios industriais, emerxencias químicas,grandes operativos de salvamento e rescate".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/06/2021 | Actualizada ás 19:58

Comparte esta noticia

A Xunta saíu ao paso da polémica política xurdida en Santiago pola non participación dos bombeiros da capital galega nun incendio en Sigüeiro --Oroso -- para aclarar que o plan territorial de emerxencias (coñecido polo acrónimo Platerga) non se activa en lumes urbanos.

A non activación deste programa para a atención de emerxencias --que corresponde pór en marcha á Xunta desde a Dirección Xeral de Emerxencias-- é o motivo esgrimido polo que o goberno de Santiago para xustificar que os efectivos do parque da capital galega non acudisen á chamada do 112 para dar unha substitución aos bombeiros que traballaban no incendio dun piso en Sigüeiro que se saldou cunha muller falecida, o seu fillo ferido de gravidade e dous operarios lesionados de carácter leve.

Ao redor da falta de participación dos bombeiros composteláns neste suceso xurdiu unha polémica política despois de que o PP acusase o goberno local que encabeza o rexedor Xosé Sánchez Bugallo de non atender intencionadamente o chamado de axuda.

Unha denuncia que o executivo santiagués e tamén o de Oroso (gobernados ambos polo PSOE) encadran en razóns de procura de "réditos políticos" por parte do Partido Popular. Así, o responsable de Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, esgrimiu este martes que os bombeiros non acudiron a Sigüeiro porque desde o 112 indicouse ao responsable do parque compostelán que non era necesario.

Ademais, sosteñen que para que os efectivos do servizo de extinción de incendios de Santiago actúen fose do termo municipal debe activarse o Platerga, algo que non sucedeu no caso do lume de Oroso pero si ocorreu hai semanas no incendio da factoría de Jealsa en Boiro (A Coruña).

Tras o cruzamento de declaracións durante os últimos dous días, na tarde deste martes a Xunta saíu ao paso para aclarar que o Platerga "actívase ante grandes incendios industriais, emerxencias químicas,grandes operativos de salvamento e rescate" pero non para incendios urbanos como foi o caso do suceso de Sigüeiro.

Neste sentido, a Administración autonómica, que lembra que os bombeiros de Arzúa si acudiron a Sigüeiro ante a chamada do 112 para dar substitución, incide en que este plan de emerxencias está pensado para situacións "extraordinarias onde se ve superada a capacidade de resposta dos medios habituais" e, por tanto, "son necesarias medidas adicionais e extraordinarias de coordinación e información".

Un camión de bombeiros
Un camión de bombeiros | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta