Temas: PSOE VERIN

O Concello de Verín suspende o proceso de contratación para un posto tras só aprobar a filla do alcalde

O rexedor socialista defende que non tivo "nada" que ver co proceso.

Por Europa Press / Redacción | Verín | 09/06/2021 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

O Concello de Verín suspendeu o proceso selectivo para a contratación laboral dun traballador temporal para o servizo municipal de dependencia. Así o decidiu este mércores a Comisión de Control de Procesos Selectivos, conformada por técnicos e sindicatos, esixida pola CIG, despois de darse a coñecer que, na última proba para optar ao posto de traballadora social do concello, só aprobase a filla do alcalde --Gerardo Seoane (PSOE)--.

Gerardo Seoane, alcalde, e Emilia Somoza, Concelleira de Cultura e Festexos
Gerardo Seoane, alcalde, e Emilia Somoza, Concelleira de Cultura e Festexos | Fonte: Concello de Verín.

De feito, esta persoa sacou un 95% de acerto, mentres os outros 13 aspirantes suspenderon as probas.

Por iso, este mércores tivo lugar a primeira desta comisión de control, na que se declarou a suspensión provisional, con carácter temporal, do proceso selectivo ata finalizar os traballos deste órgano.

A concelleira delegada e presidenta da Comisión, Rosario Rodríguez, emprazou a unha nova comisión, este próximo venres, onde declararán os membros do tribunal do proceso selectivo, así como a persoa coordinadora do servizo de dependencia municipal en condición de asesor técnico do tribunal calificador.

ELABORACIÓN DO EXAME

Durante esta primeira comisión, a concelleira responsable da área aclarou que o exame foi elaborado por unha persoa traballadora do Concello, pero explicou que "non se trata dunha anomalía" no proceso.

"Debido á especificidade da materia en cuestión, o presidente do tribunal foi quen decidiu que a persoa idónea para elaborar as preguntas era a coordinadora responsable deste servizo municipal, unha traballadora social titulada e debidamente cualificada", trasladou.

Así, quixo explicar que "non é o procedemento habitual" pero "non se apreciou ilegalidade algunha". "Se se viu algunha ilegalidade respecto do proceso de selección, asínase un decreto de anulación, cousa que non fixen", sentenciou.

Con todo, matizou que o servizo leva remunicipalizado un ano, pero "non hai unha estrutura organizada de persoal" nin tampouco de "coñecementos" por parte do mesmo. "Ningunha das persoas que traballan nese servizo sería coñecedor da materia específica de dependencia, esa foi a razón de que realizase as preguntas a coordinadora do servizo", expuxo.

Do mesmo xeito, a concelleira manifestou que esta persoa non formaba parte do tribunal, porque os requisitos de composición do tribunal esixen que sexan funcionarios ou persoal fixo do Concello e esta persoa é indefinida. "Non hai terceiras persoas, todo o tribunal é persoal municipal", sentenciou.

Neste sentido, o presidente do tribunal manifestou "non apreciar" ningunha "irregularidade", segundo figura nun escrito remitido á comisión, no que tamén afirma que indica que o exame se desenvolveu sen incidencias, apunta o Consistorio.

O ALCALDE DEFENDE QUE NON TIVO "NADA" QUE VER

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, censurou que "nada" tivo que ver co proceso de selección. Afirma que foi "público e convocado por técnicos municipais en tempo e forma, cumprindo todos os preceptos legais".

Respecto das críticas sobre que a única persoa aprobada sexa a súa filla, aseverou: "A miña filla é igual aos demais, tan igual que ten dereito a presentarse á proba en condicións de igualdade".

Ademais, Seoane censurou que "o feito de que se reúna a comisión marca a diferenza coas malas prácticas doutros lugares e outras ocasións".

Temas: PSOE VERIN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta