Un completo 'Túnel do viño' substituirá á Feira do Viño de Valdeorras

Será os días 10 e 11 de xullo en Viloira, O Barco de Valdeorras. Tamén terá lugar a XXII edición da Cata Oficial de Valdeorras e haberá diferentes catas comentadas, con maridaxe de produtos gastronómicos.

Por X.M. Fernández | Vilamartín de Valdeorras | 11/06/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Pleno do Consello Regulador aprobou o pasado 9 de xuño en Vilamartín de Valdeorras promover a celebración dun Túnel do Viño, ao que poderán adherirse as adegas amparadas baixo o selo da D.O. coas referencias que queiran achegar, na fin de semana do 10 e 11 de xullo.

Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras (9 xuño 2021). Fonte: Prensa CRDOV
Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras (9 xuño 2021). Fonte: Prensa CRDOV

Este evento, que rempraza este ano á tradicional Feira do Viño, concíbese como o acto central dunha serie de accións encamiñadas a divulgar o potencial dos brancos e tintos da marca que terán lugar en xullo.

Segundo palabras de José Luis García Pando, presidente do Consello Regulador, “dado o ritmo de vacinación actual e para tentar organizar un acto o máis seguro posible decidimos substituír á Feira do Viño, coas súas casetas, por un Túnel do Viño, máis sinxelo de organizar e que se desenvolverá baixo o seguimento dun estrito protocolo anti-Covid”.

Ademais deste Túnel do Viño, nesa fin de semana terá lugar a XXII edición da Cata Oficial de Valdeorras e desenvolveranse en Viloira diferentes catas comentadas, con maridaxe de produtos gastronómicos.

D.O. VALDEORRAS ASOCIADA Á CEO

O Pleno do Consello Regulador, na sesión do pasado 9 de xuño, aprobou ademais a proposta de asociarse á Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) para que as adegas poidan beneficiarse de todas as ferramentas da que esta organización dispón tanto para favorecer a súa actividade comercial como para incentivar a exportación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta