"Baguiño a baguiño", nova sección sobre o galego no GC

Henrique Harguindey será o autor destas pequenas pezas sobre a orixe e o uso da nosa língua.

Por H.Harguindey | Cangas | 20/11/2013

Comparte esta noticia
GC inaugura unha nova xeira de artigos do traductor e colaborador do GC, Henrique Harguindey. "Baguiño a baguiño" pretende ser unha sección pequeniña e periódica -- "coma unha orballada que vai mantendo a herbiña", en palabras do propio autor-- con cuestións prácticas para a mellora do nivel de galego, "do de todos nós: os lectores e lectoras e os colaboradores e colaboradoras". E, especialmente, do GC que --mil disculpas-- adoita ter tamén algúns erros froito da rapidez e falla de medios.
 
Harguindey preparou uns poucos artigos que son a mellor explicación do que pretende facer. Uns artigos curtos e lixeiros que queren concienciar aos lectores e ao propio xornal de que coñezan a orixe das nosas verbas e das nosas expresións galegas.
 
Nado en Lugo en 1946, Henrique Harguindey é catedrático de francés. Dende os anos 70 traduciu ao galego máis dunha ducia de libros. Esta é a súa primeira aportación a "Baguiño a Baguiño":
 

Aos poucos

Baguiño a baguiño fixo a vella unha pipa de viño.
 
Velaí un noso dito tradicional que manifesta como somos quen de dar feito as cousas a poder de constancia e de tenacidade. Pouquechiño a pouco, pasiño a pasiño. Baguiño a baguiño.
 
E que é un bago?
 
En galego temos, ás veces, palabras que, significando basicamente o mesmo, establecen a través da flexión de xénero, algunha diferenza, trátese de tamaño, forma ou especialización. Diferenciamos, así, un horto de unha horta, un palleiro de unha palleira ou un río de unha ría. E un pipo de unha pipa.
 
Tamén son diferentes un bago e unha baga.
 
Unha baga é, segundo o Dicionario da Academia Galega, un “froito de endocarpo brando e carnoso, con sementes, que adoita ter forma redondeada e cores rechamantes”. O mesmo dicionario define un bago como ”uva considerada individualmente”. O bago ven sendo, logo, unha baga moi específica, que se agrupa nun racimo ou acio, tamén coñecido como cacho. Despois de prensados os bagos para facer o viño, cos residuos, co bagazo, faise a augardente.
 
Nós imos aquí  en “Baguiño a baguiño”, unha breve sección periódica de Galicia Confidencial, ir comentando con periodicidade semanal cuestións de lingua galega, palabras, construcións e expresións, co obxectivo de, entre todos, irmos mellorando, paseniño paseniño, o noso nivel de galego, irmos acadando un mellor dominio idiomático. Adicándolle, sinxelamente, un minuto cada semana ao noso galego.
 
Pois que a todos nos fai boa falta!
 

Henrique Harguindey
Henrique Harguindey
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA