Convocan a IV edición do premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre arte contemporánea

O galardón, dotado con 3.000 euros, busca "promover o coñecemento do público á arte, así como a súa comunicación".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2021 | Actualizada ás 17:28

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia convocou a cuarta edición do Premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre arte contemporánea, un galardón único dotado con 3.000 euros co que pretende "promover o coñecemento e o acceso do público á arte, así como favorecer a súa comunicación social".

Tal e como se recolle nas bases publicadas este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG), pode participar calquera persoa física, maior de idade, que presente textos inéditos escritos en galego e que estean relacionados con labores de investigación e produción de pensamento en arte contemporánea.

Os traballos serán de temática libre, "sempre que versen sobre a materia e teñan un carácter divulgativo", cunha extensión de entre 150.000 e 450.000 caracteres --incluídos espazos--, "nos que se evite a utilización dunha linguaxe e unha estrutura excesivamente académica".

O prazo de presentación de solicitudes finaliza o próximo 30 de setembro e, segundo destacou a Consellería de Cultura nun comunicado, na portada só debe figurar o título do traballo "sen que exista ningunha referencia que poida identificar á persoa participante e, por tanto, que rompa o anonimato".

Os traballos presentados serán valorados por un xurado que estará composto por un máximo de cinco persoas e presidido polo director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo. O departamento autonómico sinalou que se valorará "a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creativos que achegue, a singularidade da perspectiva histórica ou a metodoloxía, ou a calidade literaria do texto".

GALARDOADOS

Na última edición a premiada foi Laura Calvo, graduada en Historia da arte, por 'Memoria do Azul', un texto no que a autora traza un itinerario polos diversos ámbitos da creación contemporánea a través do uso da cor azul.

A Laura Calvo, súmanse outros autores como o artista Rosendo Cid, pola súa reflexión sobre a práctica artística contemporánea titulada 'A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria', e a crítica, investigadora e comisaria María Marco, por 'Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea'.

Exposición de arte contemporánea no museo CGAC
Exposición de arte contemporánea no museo CGAC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta