Os órganos xudiciais galegos recibiron no primeiro trimestre do ano un 11,8% máis de asuntos

A actividade incrementouse en todas as xurisdicións e resolvéronse un 18,5% máis de casos.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

Os xulgados e tribunais galegos recibiron no primeiro trimestre do ano un 11,8% máis de asuntos, mentres resolveron 87.155 (332,65 de media por órgano xudicial), un 18,5% máis que no mesmo período de 2020, cando finalizaron 73.312 casos. Así o informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) en base ao informe feito público este venres pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).

Nel, reflíctese a incidencia que tiveron o confinamento e a suspensión da actividade xudicial non esencial, pois os órganos da comunidade autónoma tiñan o 1 de xaneiro 167.852 asuntos en trámite, un 7,4% máis que a principios de 2020, e terminaron marzo con 161.572 procedementos pendentes, un 3,7% menos que ao comezo do período e un 4,3 % máis que nas mesmas datas do ano anterior.

"Esta diminución do número de casos pendentes con respecto ao comezo do período demostra o esforzo que se está realizando por parte de todo o persoal da Administración de Xustiza da Comunidade", sosteñen desde o TSXG.

De acordo cos datos publicados, a actividade dos xulgados e tribunais de Galicia experimentou durante o primeiro trimestre de 2021 un aumento en todas as xurisdicións. En total, os órganos xudiciais ingresaron 81.761 asuntos, un 11,8% máis que no mesmo período de 2020, cando recibiron 72.877 casos.

A taxa de litixiosidade, é dicir, o número de procedementos por cada mil habitantes, situouse en Galicia en 30,3, fronte aos 33,2 de media estatal.

DATOS POR XURISDICIÓNS

Na xurisdición civil, o número de casos ingresados en Galicia no primeiro trimestre do ano foi de 38.907, o que supón un aumento do 20,8% respecto ao mesmo período do ano anterior. Nese tempo resolvéronse 40.830 asuntos, un 27,1% máis que en 2020, quedando en trámite ao final de marzo 87.073, un 7,2% máis.

Na xurisdición penal entraron 31.885 asuntos, 221,42 de media por órgano xudicial, o que supón un 0,7% máis que no primeiro trimestre de 2020. O número de casos resoltos foi de 34.647; e o de asuntos en trámite ao final do período, de 39.187, un 0,9% menos que o ano pasado.

Na xurisdición contencioso-administrativa ingresaron 2.429 casos entre os pasados 1 de xaneiro e 31 de marzo, o que supón un 18,1 % máis que no mesmo período do ano anterior. Resolvéronse 2.658 asuntos, un 33,3 % máis, e quedaron en trámite 7.370, un 3% máis que en 2020.

Por último, a xurisdición social tamén experimentou un incremento na entrada de procedementos, xa que os 8.540 ingresados representan un 18,5% máis que no primeiro trimestre de 2020. O número de asuntos resoltos nesta xurisdición foi de 9.020, un 25,9% máis, e quedaron en trámite ao final do período 27.942, un 3,7% máis.

SITUACIÓN POR PROVINCIAS

Entre os pasados 1 de xaneiro e 31 de marzo na provincia da Coruña rexistráronse 30.214 asuntos e resolvéronse 31.747, un 17,8% máis que no mesmo período de 2020. Pontevedra recibiu 28.411 casos e finalizou 30.479 (18,0% máis). A provincia de Lugo ingresou 9.247 procedementos e a de Ourense, 8.428, dos que resolveron 10.077 (un 23,6% máis) e 9.343 (21,5% máis), respectivamente.

A Coruña e Pontevedra tiñan en trámite ao comezo do primeiro trimestre deste ano 70.119 e 53.773 asuntos, respectivamente, e, ao finalizalo, quedaron pendentes na Coruña 67.902 (un 7,5% máis que en 2020) e, en Pontevedra, 51.689 (1,4% máis que o ano pasado).

Os xulgados de Lugo iniciaron o período con 21.050 casos sen resolver e finalizárono con 20.099, é dicir, un 3,6% máis que o ano pasado nas mesmas datas. A provincia de Ourense tiña en trámite ao comezo do primeiro trimestre 15.859 asuntos, fronte aos 13.636 do 31 de marzo de 2020, é dicir, un 13,8% máis con respecto ao final do primeiro trimestre do ano pasado.

Xuízo contra un home acusado de estafar a un estaleiro en Perú facéndose pasar por investidor, na sección quinta da Audiencia de Pontevedra
Xuízo contra un home acusado de estafar a un estaleiro en Perú facéndose pasar por investidor, na sección quinta da Audiencia de Pontevedra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta