Acusan á Xunta de fomentar o emprego precario de enfermeiras nas residencias

Satse di que a mala xestión da Xunta nas listas de contratacións provoca que moitas decidan ir a outras administracións ou á privada.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/06/2021 | Actualizada ás 12:07

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría en Galicia, Satse, denunciou este venres que a mala xestión que a Xunta de Galicia fai das listas de contratación para as residencias empuxa ás enfermeiras a abandonalas para tratar de mellorar a súa situación laboral noutras administracións ou na empresa privada polo que non hai suficientes profesionais para cubrir as vacacións nas residencias pública.

Satse sinala nun comunicado que esta queixa é recorrente e repítese cada verán porque a xestión que se realiza das listas de contratación "é moi pouco previsora" e obriga aos profesionais do sector "a traballar en precario, con contratos que en moitos casos non chegan ao mes".

Ademais, segundo Mila López, delegada de Satse, os chamamentos levan a cabo con moi pouca antelación, "a maior parte das veces para empezar no propio día, o cal é totalmente incompatible coa conciliación familiar". No mesmo sentido, engade, o réxime de penalizacións é totalmente ríxido, "non atende nin ás situacións de incapacidade temporal por enfermidade, ou que as envía ao final da lista durante catro meses cada vez que cumpren os 360 días de traballo".

Outra cuestión, é que "os contratos de longa duración nunca se ofertan a estas listas e cóbrense mediante persoal da casa", polo que a posibilidade de promoción e estabilización é practicamente inexistente, advirte Mila López.

Toda esta situación de precariedade e mala xestión levou a que, nos últimos anos estas listas de contratación quedáronse case baleiras e as enfermeiras temporais opten or abandonalas e trasladarse ao Sergas, en moitos casos, ou ao ámbito privado, xa que lles ofrecen maiores garantías a medio e longo prazo a nivel persoal e profesional. Por todo iso, Satse volve insistir na necesidade de aumentar o número de enfermeiras nas residencias públicas da Xunta e en que leven a cabo as coberturas dos postos con total transparencia

Enfermeiras
Enfermeiras | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta